Unha empresa madrileña impulsa un novo macro proxecto eólico mariño na Galiza

Diversas empresas, con sede social fóra da Galiza, presentan proxectos para desenvolver a eólica en augas galegas. (Foto: Infopuertos)
Tería unha potencia de 1.000 megawatts e localizaríase na costa norte.

Os proxectos eólicos para se implantar na Galiza continúan a presentarse, e non só para o seu desenvolvemento en terra, senón tamén para facelo no mar, malia que o Estado español aínda non deu o visto e prace aos POEM, os Plans de ordenación do espazo marítimo, o marco que regulará onde poden ou non implantarse este tipo de proxectos.

Mais iso non é impedimento para que os proxectos continúen chegando. O Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da consulta pública de tramitacións ambientais, vén de rexistrar o inicio do proxecto de avaliación ambiental para un novo parque eólico mariño a instalar na costa norte da Galiza.

Até o de agora non hai moita información ao respecto. O nome deste macroproxecto é 'Galwind' e instalaríase, de ser aprobado, na costa das "provincias da Coruña e Lugo". Abranguería pois, as comarcas da Mariña e Ortegal, unha zona que xa ten estado no punto de mira de outras iniciativas de eólica mariña, como as dúas impulsadas no seu día pola multinacional enerxética Iberdrola, de 490 megawatts cada un.

A suma de ambos os dous non chegaría á potencia de 1.000 mw que quere 'Galwind'. A sociedade que está detrás deste megaproxecto de eólica mariña é Instalaciones y Servicios Moscardo III SL, con domicilio social en Madrid.

O mínimo capital

As súas actividades enmárcanse na "realización de estudos, consultorías e proxectos, servizos de investigación e desenvolvemento e a dirección e execución de toda clase de obras, instalacións e montaxes e mantementos con ou sen subministración de materiais e equipos". A empresa constituíuse hai menos de tres anos e cun capital social que non excedía os 3.100 euros.

Como representante para este proxecto figura Luis Rein Rojo, que ao longo de todos estes anos ten desenvolvido a súa actividade en ducias de empresas e compañías, como Isolux, por exemplo. No seu día chegou a ser un dos "homes fortes" de Florentino Pérez —presidente de ACS— en sectores das renovábeis coma os proxectos de enerxía fotovoltaica.

Multiplicar a aposta

O de 'Galwind' non é o primeiro megaproxecto eólico que procura instalarse no mar galego. A finais de xaneiro Nós Diario informaba de como unha sociedade constituída en outubro en Madrid proxectaba construír a 30 Km de Ferrol e 60 da Coruña o maior parque eólico mariño do Estado: 80 turbinas nunha superficie máxima de 268 km2 (equivalente á metade da comarca de Ferrol) que poderían xerar unha produción de até 4.800 xigawatts, 30% do consumo eléctrico da Galiza.

Os responsábeis deste proxecto anunciaban en xuño o inicio de conversas co sector pesqueiro —moi crítico co impacto da eólica mariña— e recoñecía a necesidade de facer variacións e mudanzas a respecto do proxecto orixinal. O sector do mar alertaba que a redacción orixinal do proxecto afectaría 30 zonas de pesca e 27 especies.

O sector do mar, o último en ser informado

Novos proxectos eólicos que se presentan para se instalar en augas galegas e o sector do mar galego, que traballa e faena nesas áreas non ten coñecemento algún das iniciativas.

O sector pesqueiro da Galiza insiste en que non está contra a enerxía renovábel, mais esta debe de respectar caladoiros e zonas de posta. José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías, en conversa con Nós Diario, lembra ás Administracións que o sector "ten que traballar e os bancospesca, ao contrario que os muíños, non se poden trasladar".

Pola súa parte, Torcuato Teixeira, secretario xeral de Pescagaliza e representante das confrarías galegas no Observatorio da Eólica Mariña, insta o Goberno estatal a "velar polos intereses xerais de todos e non só das empresas".