Emilio Sánchez, voceiro do BNG de Monforte: "Existe o serio risco de derrubamento na ponte da Piñeira"

O voceiro municipal do BNG de Monforte, Emilio Sánchez. (Foto: Nós Diario)
Nós Diario fala co portavoz municipal do BNG de Monforte, Emilio Sánchez, polo colapso dun piar nunha ponte da parroquia de Piñeira que obrigou a cortar de maneira total o tráfico ante o risco de derrubamento. O grupo municipal do BNG de Monforte foi quen denunciou o estado desta infraestrutura e presentou unha instancia para que se tomasen medidas para evitar "que non pasase nada a maiores".

En que estado se atopa actualmente a ponte da Piñeira?

A ponte da parroquia de Piñeira atópase fechada agora mesmo e nun estado complicado, coa súa estrutura comprometida. Onte o Goberno municipal decidiu decretar o corte total do tráfico, despois de atender diversos estudos técnicos que lle proporcionou a empresa Estraco S.A., contratada pola vía de urxencia para que reforme a ponte.

Nun principio a idea era só cortar o tráfico de vehículos pesados, máis os estudos desta empresa mostraban que era imprescindíbel o corte total do tráfico, porque existe o serio risco de derrubamento. Non é só que colapsase un dos tres piares centrais da estrutura. Na marxe dereita do río, onde se une a cemba coa viga central, abriuse unha fendedura importante.

Fendedura na viga central

Foi o seu grupo municipal o que detectou esta deficiencia na ponte, ou llo trasladou a veciñanza da parroquia?

Xa houbo xente que na pasada sexta feira compartiu algunha foto, pero a min chegoume na segunda feira o do escorregamento dese piar que rematou por colapsar. Na terza feira fomos até o lugar no que está a ponte e vimos cal era a situación real da infraestrutura. Estivemos falando coa veciñanza e foron eles os que nos trasladaron a petición.

Ao día seguinte, a través dunha instancia, o BNG de Monforte fixo unha solicitude ao Concello solicitando que se cortase o tráfico de vehículos pesados e que comezase unha valoración preliminar do estado da ponte, xa que todo o proceso de arranxala levaría moito máis tempo e isto tiña un carácter urxente. Pensábamos que cortar o tráfico era unha medida necesaria e primordial.

O alcalde de Monforte, José Tomé, mencionou a medios locais unhas protestas que houbera por esta ponte a comezos dos anos dous mil. Están relacionadas co ocorrido estes días?

O que ocorreu no ano 2001 non ten nada que ver con isto. Esta ponte foi construída a comezos de 1950. Despois foi ampliada cunhas beirarrúas a finais dos noventa, comezos dos dous mil.

O que pasou naquel momento e as alertas que houbo foron polos coidados superficiais da ponte. Ao final era unha infraestrutura que tiña cincuenta anos naquel momento, pero non tiña nada que ver con isto.

Foi o alcalde quen sacou estas protestas da hemeroteca, pero non sei se foi para evitar que o sinalen ou responsabilicen do escorregamento do piar. O que pasou, pasou. Agora precisamos responsabilidade e serenidade para intentar evitar que non pase nada a maiores.