Eliminan 4.000 eucaliptos para plantar 4.000 bidueiros autóctonos no concello de Ribadedeva, en Asturias

Traballos de reforestación con bidueiros autóctonos en Ribadedeva. (Foto: Fapas)
Para levar a cabo esta reforestación con especies autóctonas, primeiro proceden a eliminar os eucaliptais e a rozar e limpar a terra, para evitar que volvan aparecer.

O Fondo para a Protección dos Animais Salvaxes (Fapas) anunciou a eliminación dunha plantación de 4.000 eucaliptos no concello de Ribadedeva, en Asturias, que foron substituídos por outros tantos bidueiros autóctonos.

A asociación explica que comezaron en 2018 coa campaña de eliminación de eucaliptos en Ribadedeva, "o primeiro municipio que se propuxo eliminar as plantacións de eucaliptos dos seus terreos municipais".

Para levar a cabo esta reforestación con especies autóctonas, primeiro proceden a eliminar os eucaliptais e a rozar e limpar a terra, para evitar que volvan aparecer.

A continuación, plantan especies mediterráneas como érbedos e aciñeiras, xunto con outras atlánticas, nomeadamente bidueiros.

Proxecto "demostrativo"

Na súa páxina, Fapas explica que o proxecto de 'deseucaliptización' de Ribadedeva ten por obextivo "desenvolver un proxecto demostrativo de como é posíbel eliminar eucaliptos en zonas onde a súa plantación na actualidade carece de interese económico".

"Son zonas plantadas desde hai décadas onde agora a súa explotación non é rendíbel, pero o alto custo de proxectos desenvoltos polas administracións públicas fai inviábel eliminar grandes superficies de eucaliptos", engade.

Para a asociación, iniciativas como a que está a ter lugar en Ribadedeva demostran que "eliminar eucaliptos non é costoso, ao contrario, pódese facer cun custo razoábel e eficaz".

Tamén critica que "non existe interese por eliminar eucaliptos", e lamenta que aínda perduren "decenas de miles de hectáreas desta especie" que "permanecen en montes públicos despois de substituír os importantes bosques autóctonos de castiñeiros e carballos".