As plantacións de eucalipto da industria pasteria de Portugal na Galiza aumentan en 131%

O eucalipto fai da Galiza un territorio máis que apetecíbel para a industria do papel e da pasta de papel, tamén para a outra beira do Miño. A principal pasteira portuguesa, cun volume de negocio anual de 1.600 millóns de euros, aproveitou 2021 para aumentar a súa presenza na Galiza: incrementou en 131% as plantacións de eucalipto e en case 70% o terreo que xestiona en arrendamento no país.

Plantación de eucalipto nun monte galego. (Foto: Nós Diario) #eucalipto #moratoria #bng #pp #parlamento
photo_camera Plantación de eucalipto nun monte galego. (Foto: Nós Diario) #eucalipto #moratoria #bng #pp #parlamento

A entrada en vigor en febreiro de 2018 da norma que impide a plantación de eucaliptos en Portugal até 2030 obrigou as pasteiras lusas a buscar novos territorios. Xa coñecían a Galiza, onde levaban tempo mercando eucalipto —compras que chegaron a atinxir hai case dez anos os 1,5 millóns de toneladas—, mais foi desde 2018 cando optaron por unha presenza máis activa no país. 

A principal pasteira portuguesa, The Navigator Company, antiga Portucel, vén de publicar o seu relatorio e as contas correspondentes a 2021. Un informe no que se recolle a aposta pola Galiza como unha das subministradoras de materia prima para as súas factorías, o que se plasma tanto no aumento de plantacións como do terreo que xestiona en territorio galego.

O documento recolle que as plantacións de eucalipto aumentaron en 131% ao longo do ano pasado, ao que se engade 20% de incremento nas correspondentes a outras especies. 

A área xestionada na Galiza por esta pasteira, "toda en réxime de arrendamento", é agora 69% máis que en 2020. Ten no noso país 32 unidades de xestión. 

Rendas

As rendas que pagan a terceiros na Galiza, segundo a información do balance de contas de Navigator Company, superou en 2021 o medio millón de euros (508.352 euros), o que supón até 440% máis que no ano anterior. 

A propia empresa recoñece que a "escaseza de materia prima nacional torna cada vez máis importante a cuestión da decrecente produtividade da floresta portuguesa".

No total, recoñece a compañía, a área forestal que xestiona en Portugal continental diminuíu 2% en relación a 2020. Apuntan que propietarios de terreos na rexión do Alto Tejo —"con mellor exposición solar"—, optan por non renovar contratos coa pasteira e apúntanse á instalación de centrais fotovoltaicas nas superficies que até agora destinaban a eucalipto. De aí que Navigator procure cada vez máis aquén Miño materia prima.

Loxística

Navigator opera na Galiza coas filiais Navigator España, SA, Bosques do Atlántico, SL e Navigator Tissue Iberica SA e posúe tres parques loxísticos: na Coruña, en Ferrol e na Susana-Santiago; puntos de entrega desde os que se envía a madeira a Portugal. A Galiza produce a metade da madeira que importa Navigator para abastecer as súas fábricas e as importacións (25% do volume de madeira que usa) complétanse con árbores procedentes do Brasil e do Uruguai.

Un 25% da superficie arborizada do monte da Galiza, 422.000 hectáreas, é de eucalipto e "a porcentaxe medrou e medrou á sombra da demanda de Ence, que é o principal comprador", como sinala a este diario Manuel Vázquez, enxeñeiro forestal.

Comentarios