Eleccións municipais

Eis as datas chave do 28-M

Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
A campaña electoral comeza a sexta feira, 12 de maio, e remata o 26.

A vindeira sexta feira, 12 de maio, dá comezo a campaña electoral correspondente aos comicios municipais que terán lugar o 28 de maio.

Esta terza feira, 2 de maio, houbo sorteos en toda a Galiza para nomear as persoas que integrarán as mesas electorais nas eleccións municipais que decorrerán o vindeiro 28 de maio.

O 3 de maio, cuarta feira, rematará o proceso de composición das mesas, integradas pola presidencia e os e as vogais, así como varias persoas suplentes para cada un dos tres postos.

A partir da sexta feira partidos políticos, coalicións electorais e agrupacións de electores poderán pedir o voto para as súas formacións. Esta campaña electoral durará até a sexta feira 26 de maio.

O sábado, 27 de maio, será a xornada de reflexión e o propio domingo, 28 de maio, a veciñanza da Galiza está chamada ás urnas a votar para escoller as novas corporacións locais.

Voto por correo

Aquelas persoas que non vaian estar fisicamente nos concellos onde están censados teñen aínda a posibilidade de solicitar o voto por correo.

Desde o 5 de abril ao 18 de maio é posíbel acudir a unha oficina de correos e cubrir a solicitude para que se remita ao lugar de residencia a documentación para votar: unha papeleta de cada partido que se presenta no concello do censo, un sobre de votación, o certificado de inscrición no censo electoral, un sobre coa información da mesa electoral correspondente e unha folla explicativa.

O sobre co voto e o certificado de inscrición electoral debe ser entregado nunha oficina de correos antes do 24 de maio. Este envío debe facerse por correo certificado.