Educación volve anunciar a contratación de profesorado sen relación coa Covid-19

Conselleira Educación, Carmen Pomar, visita Cambados, para comprobar o protocoloco Covid nos centros de ensino
Desde finais do mes de xullo, o departamento dirixido por Carmen Pomar anunciou en varias ocasións a contratación de docentes polo programa ARCO e a raíz da habilitación e creación de unidades escolares, unha medida habitual. En tanto, o protocolo de adaptación ao contexto da Covid da Xunta segue sen contemplar o reforzo do persoal ou a diminución das ratios nas aulas.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, avanzou na sexta feira en declaracións aos medios a contratación de arredor duns 1.000 novos docentes que se incorporarán ao sistema educativo galego no vindeiro curso. Un anuncio que se repite desde o departamento que dirixe Pomar desde a publicación do Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 dos centros de ensino non universitario, que non contempla a contratación específica de profesorado de reforzo a raíz da actual situación sanitaria.

Precisamente a ausencia dese reforzo de profesionais, docentes e non docentes, motivou as críticas da comunidade educativa. Desde entón, os anuncios e avances da incorporación de docentes para o vindeiro curso sucedéronse. Así, o 31 de xullo o departamento dirixido por Carmen Pomar anunciou a incorporación de cara a setembro, de profesorado "de apoio e reforzo" nos centros de ensino, a través de contratos-programa, un mecanismo que permite aos centros, de forma autónoma, dotarse de accións de apoio.

O programa de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación (ARCO) é unha vía habitual para a contratación de profesorado de reforzo a media xornada, segundo sinalou a CIG-Ensino, que este ano achegará 543 profesionais de apoio. Tamén o é a contratación de profesorado a raíz da creación e habilitación de novas unidades escolares, publicada a mediados de agosto, e que implicará a contratación de 240 mestres e mestras.

A maiores, Pomar reiterou que a Xunta apostará pola presencialidade, a diferenza doutros territorios, e que se as autoridades recomendan o ensino a distancia este se aplicara en alumnado "de maior idade".