A Xunta comeza a mudar o plan de inicio de curso tres semanas despois de aprobalo

O 19 de agosto, Núñez Feixoo defendeu o uso obrigatorio de máscaras nos centros de ensino (Imaxe: Ana Varela/Xunta).
O pasado mes de xullo, a Xunta remitiu aos centros de ensino o seu protocolo para o inicio de curso, que elaborara sen contar coa visión do profesorado nin das familias, e que agora deberá reformular á vista da evolución epidemiolóxica e das pautas que marque o Goberno estatal. 

O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, apoiouse onte na evolución epidemiolóxica da Covid-19 para presentar as medidas coas que o seu Goberno comeza a modificar o protocolo de adaptación ao contexto sanitario do inicio do curso escolar, formalizado hai menos de tres semanas pola Consellaría de Educación coa oposición do conxunto de axentes educativos e que os centros de ensino deben aplicar dentro de tres semanas.

"As cousas foron mudando, fóronse perfeccionando, e o coñecemento da enfermidade é cada vez maior", sinalou onte Núñez Feixoo, tras reunirse co comité clínico da Xunta, co conselleiro de Sanidade e coa conselleira de Educación, quen deu adiante a finais de xullo á planificación para a volta ás aulas no ensino non universitario e FP sen atender as peticións, nin do profesorado nin das familias.

Nas súas reclamacións principais estaba o aumento da seguridade sanitaria nos centros, a través da redución de ratios de estudantes por aula, para favorecer un distanciamento maior do fixado pola Xunta, e o aumento de profesorado.

Na comparecencia, Feixoo anunciou a "incorporación" de 240 novos docentes para setembro e a adaptación das ratios na aula a un máximo de 25 alumnas e alumnos, que xa é o máximo que marca a normativa para o ensino infantil, pero que aumenta até 30 en Secundario e a 33 no Bacharelato. "Non imos ter aulas de máis de 25 alumnos", asegurou.

Tamén avanzou a proposta, que a Xunta trasladará ao Goberno estatal, para facer obrigatorio o uso xeralizado de máscara dentro dos centros de ensino "en todo momento", incluída a aula, para todo o alumnado a partir de 6 anos. "O comité clínico aconséllao e a Xunta fai súa a recomendación. Cremos que procede implementalo como obriga", declarou Feixoo, antes de sinalar que "a distancia xa non é suficiente e xunto con esa distancia de metro e medio, e dun metro dentro da aula, de acordo coa Organización Mundial da Saúde, procede que todo o alumnado e profesorado manteñan a máscara no período lectivo".

O comité clínico aconséllao e a Xunta fai súa a recomendación, defendeu Núñez Feixoo

A medida, que a Xunta trasladará na vindeira conferencia de presidentes e presidentas, onde os e as dirixentes territoriais analizarán co Goberno español as actuacións para a volta ás aulas, contradí o que pauta o protocolo da Consellaría de Educación, que acouta a obrigatoriedade do tapabocas entre o estudantado dentro da aula para o caso en que non se poida asegurar a distancia mínima interpersoal dun metro.

Protocolo único

A medidados de xullo, a Xunta remitiu aos centros de ensino non universitario o seu catálogo de actuacións a acometer antes de setembro para adaptarse ao novo contexto sanitario de cara ao reinicio de curso, que inclúe a realización de protocolos específicos por parte dos centros nos que organizar as novas necesidades de limpeza, mobiliario, redistribución de horarios e mobilidade e todos os cambios que exixe o protocolo, e que debía realizarse a contrarreloxo, tendo en conta que agosto non é un mes hábil na educación.

Onte, Feixoo recoñeceu que ese protocolo "terá que actualizarse para incorporar as normas sanitarias que estamos a implementar nas últimas semanas", e reclamou do Goberno estatal "criterios claros e homoxéneos" para setembro. "As comunidades levamos trimestres reclamando a necesidade dun protocolo único para todo o sistema educativo, é imprescindíbel para a volta ao 'cole' en Primaria, Secundaria e FP", demandou, despois de salientar que o inicio do curso é, coas repuntas de casos, "a maior preocupación da Xunta, como é das familias, desde o punto de vista da conciliación e desde o punto de vista económico".

Esas novas directrices, que está previsto que se dean a coñecer nos próximos días e se debatan na conferencia de presidentas e presidentes, que terá lugar o día 27, xunto cas medidas anunciadas onte pola Xunta obrigarán os centros a modificar o traballo de adaptación realizado antes do parón de agosto, cuxos prazos xa foran criticados polos sindicatos do ensino por ser "insuficientes" dada a carga de traballo que o protocolo de Educación delegaba nas direccións e no profesorado.

As declaracións de Núñez Feixoo conculcan directamente o protocolo que presentou Educación en xullo, censura a docente Alexandra Cabana

"As declaracións de Núñez Feixoo conculcan directamente o protocolo que presentou Educación en xullo", censura Alexandra Cabana, docente de ESO e Bacharelato no IES da Terra Chá, quen sinala que as declaración deixan moitas incógnitas. "Vaise anular o protocolo? Esta declaración de modificación é formal ou é mediática?", pregúntase.

Na mesma liña, Nanda Bernárdez, membro doutro equipo directivo, critica que no plan de regreso "se abran a cada paso novas interrogantes". "Non sei en que lugar deixa [o anunciado por Feixoo] o protocolo no que estamos a traballar. A situación é moi cambiante, non sabemos en que punto estamos e os casos non paran de subir", advirte.