Educación desatende as peticións da Valedora do Pobo na investigación da propaganda de 'Hazte Oír'

Integrantes da Rede Docente de Apoio LGTBIQ+ o día da súa presentación (Imaxe: Rede Docente LGTBiQ+)
A Valedora do Pobo requeriu en dúas ocasións a Consellaría de Educación documentación para avanzar nunha queixa sobre a propaganda repartida nos centros educativos pola asociación ultraconservador. A queixa foi tramitada pola Rede Docente de Apoio LGTBiQ+.

En novembro de 2019, as 160 integrantes da Rede Educativa de Apoio LGTBiQ+, que engloba educadoras e docentes de 98 centros de ensino, cursou unha queixa ante a Valedora do Pobo para denunciar unha campaña da asociación ultraconservadora 'Hazte Oír' na rede educativa galega. Onte a valedora, após admitir a trámite a queixa da rede docente ese mesmo mes, comunicoulles que "a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional aínda non nos remitiu a información requirida en relación coa súa queixa, a pesar de que a reclamamos en dúas ocasións para urxir o envío do informe".

O organismo engadiu que se lle lembrou "ao citado órgano o seu deber de colaborar ao rápido esclarecemento da situación na que nos expón na súa queixa". No caso de que a Consellaría persista na súa actitude, informa a Valedora na súa resposta á rede educativa, "procederemos a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais". 

Propaganda LGTBifóbica


A asociación ultraconservadora distribuíu nos centros propaganda contra a educación afectivo-sexual no ensino público e a favor do "veto" ou censura das familias a actividades desta índole. "Denunciamos que nesta campaña se atenta contra os dereitos fundamentais das persoas, o dereito á educación e a liberdade do ensino e fomenta o odio cara ás persoas e familias LGTBiQ+", explicaba o documento achegado polas profesoras.

O documento apoiado por máis de 150 docentes fai relación á normativa vixente na súa denuncia. "Desde a normativa de Dereitos Humanos á Constituciónlembramos que o marco legal educativo vixente no Estado, e concretamente na Galiza, reafirma o dereito do alumnado a recibir formación en valores que apelen á convivencia, á tolerancia e á non discriminación por cuestións de identidade de xénero ou orientación sexual", expón a queixa.

A asociación ultraconservadora 'Hazte Oír' é unha das impulsoras a nivel estatal do "veto parental", que precisamente defende na súa propaganda espallada polos centros galegos, e co que pretende que as familias poidan impedir ás súas crianzas a asistencia a actividades complementarias dos seus centros.