A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ reclama á Xunta que se posicione contra os ataques discriminatorios

Nova campaña homófoba de Hazte Oír nos centros de ensino galegos

Unha das campañas transfóbicas de Hazte Oír
A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+  reclamou esta sexta feira, día 8, á Consellaría de Educación que se posicione contra a última campaña da entidade ultracatólica Hazte Oír, dirixida a centros de ensino, docentes e comunidades escolares. 

As 160 integrantes da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ da Galiza -plataforma formada por educadoras, educadores e docentes de 98 centros de ensino do sistema educativo galego- presentou esta sexta feira, día 8, no Rexistro da Xunta unha carta, dirixida á Consellaría de Educación e á Valedora do Pobo, na que traslada a súa "preocupación e malestar" polo reparto en diferentes centros educativos galegos de cartas, folletos e panfletos da entidade Hazte Oír, que conteñen mensaxes "en contra da realidade LBGTIQ+".

Como denuncia a plataforma educativa, esta última campaña, dirixida non só á dirección dos centros senón tamén directamente ao profesorado, as ANPA e o propio alumnado, "atenta contra os dereitos fundamentais das persoas, o dereito á educación e a liberdade do ensino e fomenta o odio cara ás persoas e familias LBGTIQ+, incumprindo tanto a vixente lei educativa como as leis en materia de Igualdade e Diversidade". Segundo considera, o material mesmo pode incorrer nun delito de odio.

Apoio aos dereitos do alumnado contra a discriminación

"Exiximos un posicionamento público e firme da Consellaría, a través dun comunicado que chegue a todas as comunidades galegas, así como ás familias, ANPA e escolas de familia, afianzando os valores democráticos que a Carta Marga outorgou a toda a cidadanía", reclama na súa carta a Rede, que chama á Xunta a facer "unha aposta maior polos dereitos do alumnado". Ao tempo, comprométese a "traballar arreo día a día nas aulas para construír unha sociedade inclusiva, responsábel, respectuosa e con valores democráticos, onde cada persoa poida desenvolver a súa identidade con liberdade e sen sufrir ningún tipo de fobia ou discriminación".

O alumnado ten dereito a recibir formación en valores de convivencia, á tolerancia e á non discriminación por cuestións de identidade de xénero ou orientación sexual

Tal e como recorda a plataforma, o marco legal educativo vixente no Estado español e concretamente na Galiza, desde a normativa de Dereitos Humanos á Constitución Europea, "reafirma o dereito do alumnado a recibir formación en valores que apelen á convivencia, á tolerancia e á non discriminación por cuestións de identidade de xénero ou orientación sexual".

Con este escrito, a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ súmase á iniciativa desenvolta polas entidades galegas defensoras dos dereitos do colectivo LGBTIQ+, integrantes da FELGTB.