O veto parental, unha polémica artificial na Galiza

A través de radios, televisións, prensa ou redes sociais o debate arredor do veto parental, a posibilidade de que as familias censuren a participación das crianzas en actividades educativas complementarias, chegou á Galiza. Representantes da xustiza e da educación lembran que esta medida é contraria á lexislación vixente e ao dereito da infancia a recibir unha educación en valores coma a igualdade ou o respecto á diversidade

" CPide a Pablo Casado, Santiago Abascal e Albert Rivera que implanten en todos os centros a 'Solicitude de información previa e consentimento expreso' para garantir o dereito dos pais a educar aos seus fillos sen adoutrinamento afectivo-sexual nas aulas. Es ti quen tes dereito a educalos e non os activistas nin os políticos". Este é un fragmento da propaganda que a asociación ultraconservadora 'Hazte Oír' enviou no mes de novembro aos centros educativos galegos.

A solicitude á que fai referencia o colectivo non é outra que o veto das familias, ou titoras, do alumnado menor de idade á súa participación en actividades complementarias dos centros educativos. Unha medida, contraria á lexislación vixente, recollida polo partido de ultradereita Vox, que manifestou a súa intención de aplicalo en Murcia e o introduciu no seu acordo de coalición en Andalucía co Partido Popular e Ciudadanos.

A polémica xurdida a raíz desta declaración de intencións das forzas de ultradereita, e sumada as campañas levadas a cabo por 'Hazte Oír', deformou nun debate acerca da capacidade, ou falta dela, das familias ou titoras de decidir sobre as 'súas' crianzas.

Dereitos da infancia

"Trátase dunha polémica completamente artificial", afirma contundentemente a xuíza de Familia Paz Filgueira, interpelada ao respecto por Nós Diario. "As familias e outras figuras de tutela son custodias das crianzas; tamén o Estado debe velar por elas, mais elas son por enriba de todo titulares de dereitos".

Así o recolle a Convención Internacional dos Dereitos da Infancia, ratificada en 1989 e, ao longo da historia, o convenio cun maior número de ratificacións, entre elas a do Estado español.

Dando a volta aos argumentos da propaganda de 'Hazte Oír' ou das forzas de ultradereita, e partindo da lexislación internacional, ou da mesma Constitución estatal, non son as familias quen teñen "dereito" a educar ás crianzas, mais as propias crianzas as que teñen dereito a recibir unha educación. "E un dereito delas é a educación, como tamén recollen os principios da Unión Europea", incide Paz Filgueira, "ir en contra dese dereito implicaría ir en contra da lexislación da que formamos parte".

A propia conselleira de Educación da Galiza rexeitou a polémica, cualificándoa, como a xuíza ,de "artificial". En troques, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, evitou posicionarse ao ser cuestionado por medios de comunicación.

O que di a Lomce

Cuestionada polo veto parental, a profesora de secundaria Ana Ojea tamén fai alusión á lexislación vixente. Contrariamente ao que 'Hazte Oír' proclama e as forzas de ultradereita repiten, lembra que a información sobre as actividades complementarias dun centro é pública e está suxeita a control.

Ojea explica que cada trimestre, de acordo coa normativa, as profesoras dos centros educativos fan unha relación das actividades complementarias que desexan levar a cabo. "Despois son trasladadas á directiva, postas en común nunha Comisión de Coordinación Pedagóxica, e logo presentadas ao Consello Escolar", explica. Nel está representada toda a comunidade educativa; desde as profesoras, pasando polo persoal non docente até as familias ou titoras, e as estudantes.

A maiores, como lembrou tamén a conselleira de Educación, todas aquelas actividades que se realizan fóra do recinto escolar requiren dun permiso asinado polas familias. O presidente da Confederación Galega de ANPA, Fernando Lacaci, censura que desde as forzas de ultradereita ou colectivos ultraconservadoras se alimente "unha alarma que non existía". 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.