Ecoloxistas protestan ante o Congreso en Madrid contra os macroproxectos eólicos

Protesta ante o Congreso dos grupos ecoloxistas esta terza feira (Foto: cedida).
Entre as entidades que forman parte de 'MACROrenovablesNO' encóntranse grupos ambientalista galegos como a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) ou Aldeas libres de Macreólicos.

Representantes de organizacións ecoloxistas concentráronse esta terza feira fronte ao Congreso en Madrid contra a exención de avaliación de impacto ambiental a macroproxectos renovábeis, coincidindo co decorer no Congreso do debate do Real Decreto que recolle esta medida.

Estas organizacións, unidas na plataforma 'MACROrenovablesNO' e que engloba catrocentas entidades e organizacións en todo o Estado, denuncian que a vixencia desta norma conduce á "desprotección ambiental, a inseguridade xurídica e o agravio comparativo".

Entre as entidades que forman parte de 'MACROrenovablesNO' encóntranse grupos ambientalista galegos como a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) ou Aldeas libres de Macroeólicos.

En concreto, móstranse desconformes cos artigos 22 e 23 que eliminan a necesidade de avaliación ambiental para proxectos de 50 megawatts (MW), estabelece un novo procedemento de "afección ambiental" mediante un documento elaborado polo mesmo promotor do proxecto e reduce os prazos de análises do proxecto por parte do órgano ambiental a 10 días.

"Axilizar trámites"

"Este Real Decreto o que fai é axilizar os trámites para que os cidadáns non poidamos opoñernos a macroproxectos que arrasan os nosos territorios" declararon desde a plataforma.

Así mesmo, respecto ao incentivo de microplantas de renovábeis, avogan pola súa construción, no caso de ser necesaria, en sitios xa degradadados como polígonos industriais ou minas en desuso.

Antes da sesión extraordinaria do Congreso para a convalidación deste Real Decreto, algúns deputados achegáronse até o lugar da concentración para mostrar o seu apoio, entre eles, o coordinador federal do Alianza Verde e deputado de Unidas Podemos, Juantxo López de Uralde; o do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego; o deputado de Teruel Existe, Tomás Guitarte; o de EH Bildu, Oskar Matute; e outros membros de Unidas Podemos, como Antón Gómez Reino, Marisa Saavedra, Txema Duijarro, Enrique Santiago e José Luis Bueno Pinto.

Neste sentido, López de Uralde, presidente da Comisión de Transición Ecolóxica e membros de Unidadas Podemos, socio do Goberno de coalición, defendeu a necesidade de tentar emendar o Real Decreto, aprobado polo Executivo do que a súa formación forma parte, e afirmou que a avaliación ambiental constitúe unha "ferramenta necesaria".