Ecoloxistas en Acción rexistra a súa denuncia ao Consello da Xunta por prevaricación

Entrega da denuncia de Ecoloxistas en Acción (Foto: Ecoloxistas en Acción).
O portavoz de Ecoloxistas en Acción, Cristóbal López, rexeitou, con motivo da presentación da denuncia, que a Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, que o Real Club Celta de Vigo impulsa no concello de Mos, se trate dun proxecto "estratéxico" e argumentou que se busca "dar legalidade a algo que non o ten".

A organización Ecoloxistas en Acción trasladou ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) unha denuncia por unha suposta prevaricación do Consello da Xunta tras aprobar, de forma inicial, a Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, que o Real Club Celta de Vigo impulsa no concello de Mos, como proxecto de interese galego.

O portavoz de Ecoloxistas en Acción, Cristóbal López, rexeitou, con motivo da presentación da denuncia, que se trate dun proxecto "estratéxico" e argumentou que se busca "dar legalidade a algo que non o ten". "Úsase unha figura de protección para algo que non é público como unha estrada ou un hospital", engadiu.

Ademais, incidiu en que a cidade deportiva do Celta "foi un proxecto declarado ilegal pola xustiza". "Este é un caso que nunca se deu", recalcou tamén sobre o interese galego e precisando que a súa denuncia vai contra todos aqueles que interviñeron no Consello da Xunta.

Interese galego

Os proxectos de interese autonómico están regulados na lei de ordenación do territorio e o efecto principal desta declaración é que a planificación e execución das actuacións "transcenden o ámbito municipal e, por tanto, teñen unha tramitación singular que, en moitos casos, non fai necesarias as autorizacións municipais".

Esta figura pódese aplicar a iniciativas que superan o ámbito local, ben pola súa incidencia territorial, económica, social, ou cultural; pola súa magnitude; ou polas súas características singulares, e que non teñen previsión nin acomodo no plan urbanístico.

Irregularidades

Ecoloxistas en Acción inciden no "historial de irregularidades" en relación ás instalacións deportivas, "obras executadas en terreos forestais de especial protección en Mos". "Unhas instalacións que agora a Xunta pretende legalizar coa tramitación do proxecto de interese autonómico", sinala sobre a Factoría do Deporte Galego.

"Parece evidente que o Consello da Xunta declara o interese autonómico prevalecente deste proxecto para tratar de eludir os informes desfavorábeis emitidos por diversos organismos públicos e conseguir así a expropiación e posterior reclasificación do monte veciñal para a implantación do proxecto comercial privado, GS360, do presidente do Celta".