Os reproches entre a Deputación e o Concello adían a reforma de Balaídos

Aínda está pendente o inicio dos traballos na bancada de Gol.
Unión das bancadas de Gol e Río no estadio de Balaídos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unión das bancadas de Gol e Río no estadio de Balaídos. (Foto: Nós Diario)

O Estado Municipal de Balaídos comezou oficialmente as súas obras de reforma o 21 de xaneiro de 2015, cando se colocou a primeira pedra duns traballos que non arrancaron até febreiro de 2016. Desde entón e até o día de hoxe, case unha década máis tarde, se estende un proxecto que tiña un prazo de execución inicial de só dous anos e medio.

Con tres das catro bancadas xa rematadas, tan só Gol continúa exhibindo o aspecto que a vén caracterizando desde a súa última reforma, que se levou a cabo hai xa máis de 40 anos de cara ao Mundial de Fútbol de 1982.

A pasada semana, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, enviou unha carta ao novo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, lembrándolle o "gran interese" da cidade olívica en comezar a obra "de forma inmediata", polo que lle esixía que incluíse nos seus orzamentos o 50% do seu custo, "como se fixo co resto do estadio".

Agora, o ente provincial, a través da súa vicepresidenta, Marta Fernández-Tapias, responde confesando a atención que ten no tema, mais pide "un convenio claro e transparente" que inclúa o terceiro axente implicado, o Real Club Celta.

"Non pode volver pasar como coa bancada de Marcador, que foi unha sucesión de despropósitos, sobrecustos e prazos que non se cumpriron", afirmou Tapias, que pide ao Concello que lle traslade "o seu roteiro para a reforma de Gol con orzamento, prazos concretos e escoitando o Celta".

Dioivo lanza un tema que celebra o Centenario

Por 100 anos máis é o título do novo sinxelo do dúo vigués de heavy metal en galego Dioivo. Dedicado ao centenario da escuadra olívica, efemérides e estrelas históricas da entidade como a fundación do club, Hermidita, Gudelj ou a permanencia do 4% protagonizan o tema.

Comentarios