A 'Factoría do Deporte' do Celta en Mos, sometida a información pública

O proxecto poderá consultarse na web da Consellaría de Presidencia.
Aspecto de parte das infraestruturas que conformarían o complexo 'Galicia Sports 360'. (Foto: RC Celta)
photo_camera Aspecto de parte das infraestruturas que conformarían o complexo 'Galicia Sports 360'. (Foto: RC Celta)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle no seu número de onte o acordo da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta polo que se somete a información pública "o proxecto de interese autonómico da Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360", promovido polo Real Club Celta de Vigo.

A efectos previstos na normativa, este plan, que se situará no concello de Mos, estará sometido a información pública durante un mes, comezando a conta desde o día de hoxe. As instalacións proxectadas contarán con tres agrupacións de infraestruturas diferentes: a Cidade Deportiva Afouteza, o Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte e a área de servizos Espazo Area.

Segundo explica o DOG, para que calquera persoa interesada poida consultalo e, no seu caso, "formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que estime oportunas", o documento estará á súa disposición, en horario de atención ao público, nas oficinas da Secretaría Xeral para o Deporte, así como na web da Consellería de Presidencia.

Novo comunicado de Resistencia Celta

A plataforma de oposición ao actual Consello de Administración do Celta de Vigo, encabezado por Carlos Mouriño, emitiu un novo comunicado na xornada de onte coa idea de tratar de resolver algunha das incógnitas xurdidas ao seu arredor.

Non obstante, aínda non revelan os nomes das persoas detrás de Resistencia Celta, mais apuntan que "chegará un momento no que se dará ese paso".

Si que aseguran, polo contrario, non ser "monicreques" de "ningún partido político, medio de comunicación ou ex presidentes do club".

Comentarios