[VÍDEO] O presidente do Celta cualifica como "soño" a declaración de interese autonómico da macrocidade deportiva en Mos

O Celta comezará coas obras no segundo semestre de 2023.
O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño. (Foto: Europa Press)

O presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, pronunciouse esta sexta feira sobre a apertura do expediente de declaración de interese autonómico do proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, aprobada onte polo Consello da Xunta presidido por Alfonso Rueda.

O proxecto impulsado polo principal conxunto da cidade olívica prevé a construción dunha cidade deportiva, un centro de capacitación deportiva e un edificio que integrará espazos para a práctica do deporte e zonas de restauración en Tameiga (Mos), en terreos pertencentes a comuneiros.

Neste sentido Mouriño, que falou para os medios oficiais do Celta, non dubidou en cualificar de “soño” a decisión do Goberno galego. “Para nós é un día fantástico, marabilloso. Foron moitos meses de traballo  pero hoxe culmináronse con este recoñecemento a ese esforzo e ilusión e sobre a todo a ese compromiso que adquirimos para chegar á conclusión definitiva e poder terminar nun éxito para a cidade, a súa área metropolitana e toda a Galiza”, salientou.

O presidente do Celta avanzou que as obras da macrocidade deportiva en Mos comezarán cara ao segundo semestre de 2023. Precisamente, o presidente galego afiou onte máis os prazos e sostivo que o expediente de declaración de interese favorábel do proxecto podería estar fechado de maneira favorábel para os intereses de Mouriño en setembro do vindeiro ano.

O Celta obvia a oposición veciñal

Na súa intervención o máximo dirixente do equipo celtista enumerou os organismos que deron o “visto bo”. Mouriño citou entidades “públicas e privadas” nas que o proxecto foi presentado, entre eles o “Consello Superior de Deportes, a Liga de Fútbol Profesional, o Comité Olímpico Internacional; empresas tan importantes como CBR, equipos da NBA;  en Estados Unidos ou na embaixada do Estado español en México”.

Porén, obviou comentar a grande oposición social que o proxecto recibiu entre a veciñanza de Mos e integrantes da Comunidade de Montes de Tameiga. Así, até 5.000 alegacións foron presentadas por plataformas ecoloxistas –Ecoloxistas en Acción, Verdegaia, Extinction Rebellion, Fridays for Future, Adega ou Greenpeace–, sindicais –CIG, CXT, UXT, CCOO e CUT– e grupos municipais na oposición en Mos –PSOE, BNG e GañaMós– sumadas ás das comunidades de augas, á Comunidade de Montes de Tameiga e á asociación veciñal Portela de Tameiga.

Onte mesmo, o o coordinador da Comunidade de Montes de Tameiga, Gonzalo Pérez, denunciaba en Nós Diario que "desde un principio a Xunta, o Concello de Mos e o Celta de Vigo camiñan da man para sacar adiante o proxecto, antepondo os intereses dun empresario aos da veciñanza".

Coa declaración de interese autonómico, o Executivo galego poderá levar a cabo a expropiación de terreos veciñais "a prezo reducido" sen ter en consideración as alegacións presentadas por diferentes entidades sociais, ambientais ou na defensa da patrimonio. Ademais, segundo critica o comuneiro de Tameiga (Mos), suporá a destrución dun acuífero empregado desde hai 40 anos que abastece toda a veciñanza da zona sen ocasionar apenas gastos de distribución.

Comentarios