Dúbidas no sector apícola sobre a eficacia do novo plan da Xunta contra a Vespa velutina

Vespa velutina

O debate en Arzúa, e co gallo do Día do Apicultor, entre a representación da Xunta e apicultores e apicultoras procedentes de toda a xeografía galega mostrou para a AGA (Asociación Galega de Apicultura) “un estado da situación impreciso de cara ao futuro”.

A representación da Xunta expuxo o novo plan contra a velutina a activar neste ano e que abranguerá “practicamente 90 % dos concellos da Galiza”, e que se diferencia do anterior, nos concellos onde o servizo o realizaba a empresa Tragsa, nun aumento do persoal encargado e redución nos tempos de retirada dende o aviso.

Mais apicultores e apicultoras inciden en que o servizo terá “un importante número de excepcións en función das condicións da situación dos niños”.

Representantes da Asociación Galega de Apicultura amosaron a súa preocupación polo que consideran falla de eficacia deste plan e que, “malia os grandes recursos investidos”, non se retiren a maior parte dos niños.

Consideran que destinar a maior parte dos esforzos económicos e materiais a retirar os niños de velutina ”pode ser ineficaz pois non está demostrado que iso reduza os efectos negativos que produce a Vespa velutina”.

E por outro, engaden, non se están incorporando novos sistemas que melloren as técnicas de retirada, “como por exemplo para acceder a niños ubicados a máis de 25 metros de altura, cando xa existen ferramentas que o permiten”.

Marcos González, director do Museo de Historia Natural, subliñou a importancia da investigación para atopar ferramentas verdadeiramente eficaces. Segundo González, a retirada de niños é esencial, mais hai que atopar outros sistemas, tamén para a detección precoz de niños.