O outono é para acabar coa velutina

Os niños de avespa asiática seguen activos durante os meses de frío.
A comunidade experta asegura que o mes de outubro é chave para atacar os niños de avespa asiática, antes de que as futuras raíñas os abandonen para pasar o inverno.

A vespa velutina está lista para hibernar. “Os exemplares que vemos agora nos niños son de gran tamaño e están cargados de graxa”, afirma Isidro Rodríguez, responsábel de Plaguiber, a empresa concesionaria do servizo de control de pragas do concello de Carballo. “Xa é difícil distinguir entre obreiras e abázcaros. En canto fecunden as que van ser raíñas e veña un pouco de frío abandonarán o niño en busca de abrigo, debaixo dunha tella, nunha pedra, nun couto; e alí pasarán o inverno. Se non nos desfacemos delas agora, teremos a descendencia armada para o ano que vén”.

No que vai de ano, en Carballo retiraron máis niños que en 2018 polas mesmas datas. Uns 200 máis. De media, cada día desfanse de sete. “As previsións de cara aos meses de outono é inverno non son boas. Ao empezar a caer as follas das árbores quedarán ao descuberto os niños máis altos. Axiña teremos os cazadores no monte, tamén, así que comezarán a aparecer os que fixeron aí. Canto antes se detecten e se retiren mellor, porque máis adiante igual xa é tarde”. Pola súa experiencia, a partir de novembro os niños dos que dá aviso a veciñanza presentan unha vida residual, despois de teren criado e liberado as velutinas que reinarán na primavera do ano que vén.

Os niños de inverno seguen activos

Desde o ámbito científico, confirman o que as empresas de control de pragas comezaron a albiscar os últimos invernos. A actividade dos niños de velutina non desaparece nos meses de máis frío.

Xesús Feás, investigador e membro correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias, mantén que a da velutina é unha especie moi plástica, que muda e se adapta continuamente a diferentes escenarios e condicións. “En pleno inverno, hai niños activos cunha carga importante de reprodutores, listos para expandir a praga”. É unha das conclusións que explica no estudo Notas sobre a arquitectura do niño e a composición de colonias de inverno da avespa asiática de patas amarelas que Feás asina xunto á investigadora británica Rebecca Jane Charles.

As súas achegas son resultado dunha análise global de varios niños de avespa asiática recollidos na área de Nigrán en 2018. De noite, sen uso de pesticidas, preservando a seguridades da veciñanza e a integridade dos aniñadoiros. A experiencia permitiulles facer unha radiografía real do que pasa en cada galería.

“As estruturas de inverno non son iguais cas dos meses de calor. As poboacións mudan. Se se manteñen, pode ser pola abundancia de alimento ou polas temperaturas favorábeis. Pero cómpre seguir investigando para saber máis. A velutina é unha depredadora masiva das abellas do país, pero o seu calendario biolóxico no é firme, ao contrario, vai mutando. Por iso é importante destruír cada niño que se detecta, en calquera momento do ano. É a medida máis efectiva”.

No municipio de Soutomaior, a experiencia de Alejandro Búa, coincide co que apuntan as evidencias científicas. Alejandro é o propietario de Agro Arcade. Leva media ducia de anos colaborando co Concello na retirada de niños. En 2018 desfíxose de 260. Este ano calcula que será difícil acadar esa cifra porque minguou moito no número de avisos. A día de hoxe leva 130 na súa conta.

Bandadas de corvos contra a velutina

“O meu empeño pasa por reducir o impacto da velutina e por dar cunha alternativa aos biocidas e fitosanitarios como único remedio para combatelas. Eu non busco causarlle máis mal ao medio natural do que xa lle provoca a propia velutina. A cantidade de pesticidas que se usa en acabar cos niños é moi alta e o 90% queda no chan. Non pode ser. Hai que avanzar e buscar alternativas”.

A súa proposta é pouco convencional. Xurdiu de casualidade e, de momento, non ten réplica noutros puntos do país. Hai un ano que Búa adestra unha bandada de corvos para que aprendan a destruír os niños. “Despois dunha retirada nocturna deixei o niño preto da casa á espera de destruílo a primeira hora. Ao espertar vin que os corvos decidiran atacalo. Peteiraban as diferentes capas e comían as larvas. Foi así como empecei. Dándolles de comer, guiándoos cara outros niños que ía retirando”.

A día de hoxe os corvos aínda non teñen iniciativa para dar con niños activos pero son capaces de seguir o rastro daqueles que Alejandro lles agocha na contorna. “De poder continuar, porque necesito niños cos que seguirlles aprendendo, a miña idea é dirixilos cara os niños vivos onde estean as velutinas traballando. Se se acostuman a comer as larvas, sairán menos raíñas. Pero só se perseveramos saberemos se funciona”.

Mentres tanto, aproveita o outono para darlle o último empurrón á retirada de niños. “É o mellor momento. Setembro foi un mes de moitos avisos. Coa caída da folla das cerdeiras e das nogueiras apareceron moitos. Agora, polo que vexo, a actividade dos niños diminuíu. O pouco frío que veu parece que foi abondo para encarreirar as avespas cara a hibernación”.