Un sistema unificado contra os niños de velutina

No que vai de ano retiráronse 15.000 niños de vespa velutina.
Sete anos despois de que a avespa asiática chegase e colonizase boa parte do territorio galego, a Xunta de Galiza pon en marcha en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), un plan para “centralizar e sistematizar” a retirada de niños. Na actualidade, os protocolos de destrución varían segundo cada concello.

O Goberno galego, en colaboración cos concellos, desenvolverán nos próximos meses un plan de actuación único para acabar cos niños de velutina en todo o país. Segundo explicou o vicepresidente da Xunta esta cuarta feira, o procedemento debera comezar a funcionar en 2020.

O obxectivo, explicou Alfonso Rueda, é “dar unha resposta global" a un problema que afecta a toda Galiza. Para iso, propón “centralizar o sistema de eliminación e recollida" de niños, estabelecendo as mesmas referencias, tempos equitativos e unha soa entidade operativa para todos os municipios.

Esta proposta unificada acabaría coa cúadrupla vía que se emprega dende os inicios para erradicar os niños de velutina. Dada a necesidade de acabar cun perigo real para o medio natural e para as persoas, cada concello optou por un sistema distinto nos últimos anos, acomodando o protocolo de retirada dos niños ao número de avisos, aos recursos económicos dispoñibles, e á eficacia dos servizos específicos ofertados.

Unha retirada dispar segundo cada concello

Agora mesmo, 124 municipios dedican os seus propios medios ou medios cedidos pola Administración. En 106 concellos son os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) quen asumen esta tarefa. A consellería de Medio Ambiente é a responsable da retirada dos niños nos 22 concellos da Rede Natura e a de Medio Rural, ocúpase da súa eliminación nos 61 restantes.

"Este cuádruple sistema pode dar problemas de resposta", asegurou o vicepresidente, quen fixo fincapé na necesidade de combater de “forma homoxénea o elevado número de niños” que se localizan. No que vai de ano retiráronse uns 15.000, e permanecen pendentes de seren destruídos uns 10.000. Neste sentido, Alfonso Rueda destacou que o número de niños que supoñen unha "emerxencia" non chegan a 120.

Ademais de definir o plan de retirada, Xunta e Fegamp terán que definir nos próximos meses a mellor fórmula para desenvolver un sistema común e eficaz para todos, xestionado por unha única entidade. Segundo anunciaron, podería poñerse en marcha a través dunha encomenda de xestión, dunha licitación ou dunha empresa colaboradora, entre outras posibilidades.

A medida acordada esta cuarta feira por ambas administracións contará con de 1,5 millóns de euros procedentes do fondo adicional de acción local do ano próximo, destinado a competencias e finalidades concretas dos municipios segundo as súas necesidades. A esta contía, a Xunta achegará 800.000 euros, ata acadar os 2,3 millóns.