Xesús Asorei, portavoz da Asociación Galega de Apicultura

“A desaparición da abella é quizais o problema máis grande da humanidade”

[Imaxe: Cedida] Xesús Asorei

Na Galiza, hai máis de 4.000 apicultoras e apicultores e 170.000 colmeas, uns números que a sitúan á cabeza nas clasificacións do Estado español. Trátase dunha industria de pequenas produtoras e hoxe en día enfróntase aos retos do cambio climático, á expansión das velutinas e á introdución de ‘meles falsos’ no mercado. Con motivo do Día do Apicultor, que vén de ter lugar, entrevistamos o portavoz da Asociación Galega de Apicultura, Xesús Asorei. Eis un extracto da entrevista publicada no número 335 de Sermos Galiza.

 

Cales son as características que definen a apicultura na Galiza?
É unha apicultura de moitos e pequenos produtores, máis de 4.000. De feito, en número de produtores estamos moi arriba nas clasificacións a nivel estatal. Non obstante, a apicultura na Galiza non foi sempre unha actividade económica importante.
 

Que fortalezas posúe como actividade económica a respecto doutras?
Hai dúas forzas principais. A primeira, co foco no medio ambiente e na función das abellas como os principais insectos polinizadores que existen na natureza. Estamos asistindo a unha desaparición masiva de insectos por culpa do cambio climático, da agricultura industrial, da entrada de especies exóticas invasoras… Quizais é o problema máis grande da humanidade nestes momentos, aínda que non se trate como debe. Na Galiza, hai pequenos produtores que están espallados por todo o territorio, polo que estamos moi ben situados para facilitar este proceso de polinización. A segunda fortaleza da apicultura galega xira ao redor da rendibilidade económica. Os produtos da colmea son cada vez máis coñecidos e valorados porque veñen da natureza, son sustentábeis e moi saudábeis. Ademais na Galiza dous terzos de territorio son monte e hai flores silvestres que dan a materia prima destes produtos, que non ten nada a ver cos procedentes de cultivos (xirasol, colza…). Isto tamén é importante porque quere dicir que non ten que ser todo explotado para madeira ou papel.

 

Unha desas especies invasoras sería a velutina. Como afecta ás abellas?
Representa un problema para ás abellas porque son a súa alimentación principal e toda a Galiza costeira, xunto cos vales e os ríos, foi moi afectada. É un problema que vén a maiores do cambio climático e da agricultura industrial, co uso de praguicidas. O que ocorre é que estes dous son problemas mundiais, mais a velutina é un problema que está localizado na área atlántica de Europa.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 335 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]