Dominic Royé, doutor en Bioclimatoloxía: "A carencia de auga vai facer que vire en ouro"

O doutor en Bioclimatoloxía Dominic Royé (Foto: Santi Alvite / USC).
Hoxe conmemórase o Día Mundial da Auga e con motivo desta data sinalada 'Nós Diario' conversa co experto ambientalista, investigador na USC e doutor en Bioclimatoloxía Dominic Royé arredor do risco que existe a respecto de problemas hídricos e as súas consecuencias a nivel global e galego.

—Cales son os principais problemas para as reservas de auga que se derivan do cambio climático e do actual modelo de sociedade global? 

O principal problema son os cambios con respecto á concentración das precipitacións no sentido de que cada vez teñen lugar en menos días, o que vai a requirir unha gran xestión e anticipación, se cada vez con máis frecuencia vai chover nuns días moi determinados e vai ser necesario que sexamos quen de ter reservas para os momentos de carencia de recursos hídricos. 

O principal cambio, como digo, é que as chuvias tenden a ser cada vez máis torrenciais pero concentradas en menos días. Con respecto ao total, ademais, tenden a diminuír as cantidades de auga. O problema da carencia de auga vai facer que, cada vez máis, en moitas rexións, se converta en ouro, xa que sen auga non hai vida. Isto implica a nivel global que van existir moitas rexións nas que xurdirán migracións climáticas.

—Existen áreas xeográficas que  xa estean a sufrir dunha forma especial estes problemas?

Si, sen dúbida. Agora mesmo, na África Subsahariana, especialmente en países do Corno de África como Somalia, está a sufrirse unha seca bastante severa que está implicando unha importante epidemia de fame. Son uns problemas que ademais, en moitos casos, teñen conexións con cuestións políticas que agravan as circunstancias da poboación. Non é o mesmo ter seca en Europa que en África.

—Os problemas pola carencia de auga xeran conflitos bélicos e movementos de refuxiados?

Si, a auga é un recurso que pode crear conflitos e verdadeiras guerras, ao fin e ao cabo sen auga non podemos manter a nosa vida, e tampouco alimentarnos. Por outra parte, hai zonas onde a xente, se ten a capacidade, emigra. Hai diferentes orixes das migración climáticas, por exemplo illas que se están afundindo a causa da suba do nivel do mar, mais a outra razón que se está a dar é propiamente a carencia de auga.

Mais esta cuestión da auga non é fácil de separar doutras cuestións políticas. Por exemplo, Siria é un caso no que existe unha seca moi importante, mais ao mesmo tempo teñen guerra, e non son dous problemas independentes un do outro.

—A necesidade de adaptación e resiliencia vai xerar cambios produtivos e nas infraestruturas de xestión da auga?

Como se prevé que as secas van ser máis frecuentes, extensas e duradeiras, o que fai falla na xestión dos recursos é a optimización e redución no gasto, intentando cinguirse ao necesario. Mais tamén unhas maiores prohibicións que se adapten aos recursos que imos ter, non podemos seguir empregando máis recursos dos que están dispoñíbeis. O maior consumo de auga non é o doméstico, senón o hidroeléctrico e o agrícola, e é nestes sectores que se vai necesitar unha maior resiliencia e adaptación para estar máis preparados para os períodos de seca. 

Unha das cousas que amosa a incoherencia da sociedade é que na península Ibérica se cultive, por exemplo, moito aguacate, que ten unha pegada hídrica importante, necesita demasiada auga e se produce precisamente alí onde menos hai. Os cultivos autóctonos non son tan problemáticos, mais evidentemente, hai que adaptalos e ter medidas para poder reducir os impactos, neste caso da seca, preparando plans de resposta, resiliencia, preparación, adaptación e mitigación. Secas vai haber, e cada vez máis, e é preciso que esteamos preparados previamente para afrontalas.

A Galiza está pouco preparada para a seca

Royé sinala que aínda que a alimentación en Europa non corre tanto perigo como noutras zonas do mundo, entre outros motivos pola capacidade de importación, a seca afecta á península Ibérica, como xa pasou en 2017, cando houbo unha falta de chuvias importante que levou ao límite o campo e houbo problemas no subministro de alimentos para animais.

As secas, explica, son menos frecuentes na fachada atlántica, mais segundo o climatólogo, tamén nos afectan dun modo importante, como en 2017 ou 2012, que houbo problemas significativos. Tamén este ano, pois as precipitacións de marzo non serán suficientes para paliar a seca dos meses anteriores. Royé advirte que territorios como a Galiza e a zona cantábrica son moi delicadas, pois non están acostumadas á carencia de chuvia, e isto provoca que non estean tan preparadas como outras para as circunstancias extremas que poden ocorrer.