Domingo de manifestacións na Coruña e Santiago contra o "asasinato policial racista" de Henry Casimiro

Axentes da Policía Científica no Polígono da Grela (A Coruña) onde morreu Henry Casimiro (Foto: Europa Press).

Entidades sociais convocan dúas manifestacións dous meses despois de que un policía abatese ao home no Polígono da Grela, na cidade herculina

O tecido antirracista galego convocou manifestacións para este domingo na Coruña e Santiago de Compostela para protestar polos "dous meses de silencio" tras o "asasinato policial racista" de Henry Casimiro no Polígono da Grela, na cidade herculina, a mañá de Nadal do pasado ano.

Segundo trasladou esta asociación a través dun comunicado, as manifestacións terán lugar na Coruña (Obelisco, ás 13 horas), e en Santiago, (Praza Roxa, ás 13 horas, e estarán secundadas por outras en Valencia e Tenerife, ademais de actos noutros puntos do Estado español.

O tecido antirracista galego considera a morte de Henry Casimiro un "asasinato racista", a pesar de que a policía declarou que era un home violento, "sen enunciar o racismo sistemático que concluíu co asasinato dun home negro cun trastorno psiquiátrico diagnosticado", insisten desde a asociación.

Así, a entidade cre que a actuación da policía foi "absolutamente desproporcionada", ao tratarse de "un home só, sen outros civís aos que danar, nun polígono apartado, fronte a unha patrulla policial" e inciden en que "non é casualidade que as actuacións máis violentas dos corpos de seguridade sexan cara a persoas negras, racializadas, migrantes e xitanas".

Por iso denuncian que os acontecementos "forman parte do armazón institucional e policial de supremacía branca, racista e colonial, no que as detencións por perfilamento racial son diarias", así como as medidas migratorias impostas pola Unión Europea, pois pensan que "ser migrante e racializado neste territorio segue estando criminalizado".

Por último, sinalan que o movemento estadounidense 'Black Lives Matter' tamén é unha realidade no Estado español e esixen "xustiza para a familia de Henry, responsabilidade política e institucional e que se abra unha investigación a fondo que aclare o sucedido", pois de non aclararse, podería sentar "un precedente terrible de impunidade".

Apoio de BDS Galiza

As manifestacións recibiron apoio, entre outros de BDS Galiza. A entidade indica nun comunicado que se suma “ás denuncias que están facendo os colectivos antirracistas de Galiza e de todo o Estado Español”. Exixen “o esclarecemento dos feitos e a depuración de responsabilidades políticas nun asasinato que, consideramos, é un feito racista”.

BDS Galiza cre que “a resposta da policía foi totalmente desmesurada. A morte dunha persoa nunca debería ser unha opción”. Por este motivo condenan “calquera acto racista, dentro ou fóra das nosas fronteiras”. Neste sentido, lembran que “o conflito contra Palestina, ten compoñentes raciais, de etnia e relixión intrínsecos ás violencias que sofren”.