Un dispositivo policial busca membros do perigoso grupo neonazi Combat 18, con presenza na Galiza

A Muralla de Lugo (Foto: Nós Diario)
Combat 18, tamén coñecida como C18 e 318, é unha organización creada en 1992 no Reino Unido con vínculos con Blood & Honour, outro grupo neonazi.

Os Mossos d'Esquadra e a policía española están a levar a cabo un dispositivo contra unha organización neonazi e supremacista denominada Combat 18. Neste sentido, estanse facendo entradas en varios puntos do Estado español, dos que dez están en Catalunya.

Ademais, tamén se realizaron catro intervencións en Arganda del Rey (Madrid), Talavera de la Reina (Castela-A Mancha) ou Málaga. E outro dos rexistros levados a cabo pola Policía foi na cidade de Lugo. Polo de agora descoñécese o que foi encontrado relativo ao grupo neonazi na cidade da Muralla.

A investigación levou os corpos policiais a Sober, onde un dos membros da organización foi detido na mañá desta terza feira.

A organización

Combat 18, tamén coñecida como C18 e 318, é unha organización creada en 1992 no Reino Unido con vínculos con Blood & Honour, outro grupo neonazi. Combat 18 estendeuse a outros Estados como Canadá -onde se considera un grupo terrorista-, Estados Unidos, Alemaña -onde está prohibido- e o Estado español.

Algúns dos seus membros estiveron implicados no asasinato de inmigrantes e políticos, como é o caso do alemán Walter Lübcke. “Están vinculados ao supremacismo branco e ao nazismo”, indican nun comunicado os corpos policiais.