"Expulsaremos todos os non brancos, vivos ou en cadaleitos": que é Combat 18, o grupo neonazi con presenza en Sober?

Integrantes de Combat 18 en Hungría e a casa de Sober onde residía un dos presuntos membros detidos hoxe. (Fotos: C18 | Carlos Castro / Europa Press)
Un residente en Sober de mediana idade foi detido esta terza feira canda outras 15 persoas no marco dun operativo desenvolvido a grande escala no Estado español contra a organización neonazi, considerada terrorista en Canadá e Alemaña, Combat 18. Isto é o que sabemos deste colectivo supremacista.

Policía Nacional e Mossos d'Esquadra desenvolveron a primeira hora desta terza feira un amplo e coordinado operativo contra presuntos integrantes da organización neonazi Combat 18, prohibida en países como Alemaña e Canadá e considera terrorista polas autoridades canadenses xunto a Blood & Honour, outro recoñecido grupo da extrema dereita internacional co que mantén estreitos vínculos. Combat 18 (C-18 ou 318) naceu en 1992 no Reino Unido, da man do fascista Partido Nacional Británico, que nas últimas eleccións xerais obtivo só 510 votos pero que chegou a ser a quinta forza en 2010 con máis de medio millón de papeletas.

Segundo o Counter Extremism Project, unha iniciativa que busca combater o terrorismo e as organizacións radicais a nivel mundial e ofrece toda a información sobre elas, precisa que Combat 18 ten presenza, alén do Reino Unido, nos Estados Unidos, Francia, Italia, Bélxica, Alemaña, Hungría, Rusia, Ucraína, Serbia, Grecia, Dinamarca, Suecia, Austria, Canadá, Australia, Sudáfrica e Arxentina. E, á vista dos últimos acontecementos, tamén no Estado español e a propia Galiza.

Máis concretamente en Sober, onde foi detido esta terza feira un home de mediana idade que responde ás siglas G. C. B. e vivía en compaña dunha muller nunha casa illada nas proximidades do barrio do Barreal, en Ferroños (Sober, Terra de Lemos). Non se relacionaba demasiado coa veciñanza, a quen colleu por sorpresa a noticia: "Non coñecemos aínda o alcance da operación, pero estamos sorprendidos de que nun concello cativo como Sober pasen este tipo de cousas", sinalou o alcalde, Luis Fernández Guitián, en declaracións á axencia Europa Press.

Un total de 16 persoas, 13 homes e tres mulleres, foron detidas no marco desta operación a grande escala en diferentes municipios da Galiza —Sober—, Catalunya —Barcelona, Lloret de Mar, El Prat de Llobregat, Mollerussa, Sentmenat, Sant Boi de Llobregat—, Andalucía —Málaga—, Madrid —Arganda del Rey— e Castela-A Mancha —Las Ventas de San Julián—. Tamén se rexistraron 14 domicilios, entre eles o soberés, e incautáronse unha arma de fogo, diñeiro en efectivo e marihuana. A investigación continúa baixo segredo e non se descartan novas detencións.

Crear países "exclusivamente brancos"

O obxectivo principal de Combat 18 é, salientan nos seus propios panfletos, "crear países exclusivamente brancos a través da violencia", e para iso atentar contra a poboación migrante. "Hai que enviar todos os 'non brancos' de regreso a África, Asia e Arabia, quer vivos quer en cadaleitos", afirman, e chaman tamén a "executar todos os queer e mesturadores de razas", a "eliminar todos os xudeus do goberno, os medios de comunicación, as artes e outras profesións" e "executar aos que axudaron activamente a danar a raza branca e meter en campos o resto até atoparmos unha solución final".

O seu nome recolle letras primeira e oitava do abecedario, A e H, en alusión a Adolf Hitler, un recurso moi empregado por bandas de extrema dereita, así como o 88, que fai referencia ao saúdo nazi, Heil Hitler. "Combat 18 alenta a creación de células independentes e terrorismo de lobo solitario baixo o lema 'custe o que custe!'. Malia que é posíbel que o grupo algunha vez tivese unha 'lista oficial', os partidarios de Combat 18 agora afirman que a membresía se logra mediante a participación en actividades neonazis violentas", explican desde o Counter Extremism Project. En 1995 atribuíuse a integrantes desta organización neonazi a bomba fronte á sede do FBI en Oklahoma (EUA) que deixou 168 vítimas mortais.

Policía Nacional e Mossos definírona como "organización criminal vinculada ao nacional socialismo e o supremacismo branco", e salientaron que se centran en "vulnerar dereitos fundamentais e liberdades públicas, fomentando o odio por motivos racistas e ideolóxicos mediante a comisión de delitos contra as persoas para subverter a orde constitucional". As persoas detidas están a ser investigadas polos delitos de de pertenza a organización criminal, contra o exercicio dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, tenza ilícita de armas e explosivos e delito de saúde pública.

A actividade principal do grupo no Estado español centrouse na "realización de múltiples reunións organizativas; captación continuada de militancia; merchandising por tarefas de recadación económica para financiar o grupo; intento de abastecemento de armas de fogo, e planificación de futuras accións violentas contra persoas e bens", entre outras, segundo a información transcendida até o momento.