O director xeral de Maiores da Xunta liga a mortandade das residencias á "fraxilidade" das usuarias

O director xeral de Maiores, Idelfonso Campa (Imaxe: Xunta da Galiza).
Do total de mortes relacionadas coa COVID-19, 45% foron de usuarias de residencias. Idelfonso Campa avanzou que será prioritaria a procura de "bos modelos de xestión e actuación" nos centros, que ligou a "un profundo proceso de formación do persoal".

O "inevitábel aumento" de falecementos nas residencias de maiores producida nesta semana débese, segundo o director xeral de Maiores Ildefonso de la Campa, á "fraxilidade" deste sector poboacional do que "non se pode agardar unha evolución lineal".

Segundo os rexistros do Sergas, 45% das mortes rexistradas na Galiza relacionadas á COVID-19 corresponden a usuarias destes centros. Desde que comezou a emerxencia sanitaria, a Xunta interviu as residencias de Domus Vi en Cangas e Vigo e a da Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras ao tempo que puxo en marcha dous centros medicalizados para acoller usuarias enfermas.

Asociacións de familiaires de residentes e sindicatos teñen interposto queixas e denuncias en relación á falta de medidas de protección para previr contaxios no persoal e nas usuarias dos centros.

Un sector moi "fráxil"

Nunha entrevista con Europa Press, Campa apunto que, se ben os centros atópanse nunha “fase de contención do virus”, as doentes da COVID-19 "contan con outras patoloxías, necesidades importantes e son grandes dependentes" o que as sitúa como un "sector moi, moi fráxil".

As doentes contan con outras patoloxías, necesidades importante, apunta Campa

O directo xeral de Maiores explica así que Galiza rexistrase o falecemento de 16 persoas procedentes de residencias durante a cuarta feira. E considerou que o descenso nas mortes virá da man dunha redución "do número de positivos" dos propios centros.

Con todo, Campa valorou que a "normalidade" xa está próxima e asegurou que a Xunta "actúa responsabelmente". Así mesmo, afirmou que a atención sanitaria e de carácter social está garantida para as usuarias dos centros tanto como para "calquera cidadán galego".

A Xunta abre a porta a que as familiares acollan temporalmente as residentes

O director xeral de Maiores quixo trasladar á poboación que as usuarias están atendidas, pero que “se algún familiar quixese” acollelas temporalmente a Administración non poría “ningún impedimento”. Ao tempo, desaconsellou esta posibilidade en caso de persoas cunha gran dependencia.

As residencias tamén certifican un número crecente de altas hospitalarias e persoas que superan a enfermidade, mais Idelfonso Campa admite que a preocupación de novos casos persiste.”Hai que estar enriba das entidades, manter ao persoal sociosanitario en alerta constante e extremar as medidas de hixiene persoal e protección a través do material”, precisou.

Hai que estar enriba das entidades, manter ao persoal sociosanitario en alerta constante, afirma Campa

O director xeral de Maiores valorou que a pandemia deixará "leccións" no ámbito residencial, así como no económico, sanitario e social. Unha porta que xa abrira o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, quen cuestionado polos medios de comunicación aseguro que a titularidade, pública ou privada, das mesmas non estaba a debate.

Os cambios que propón Campa pasan pola "reorganización", mudanzas "tecnolóxicas" ou a "garantía de máis controis". "Hai que poñer a disposición todos os recursos", salientou. Así mesmo, avanzou a procura de "bos modelos de xestión e actuación" nas residencias, que ligou a "un profundo proceso de formación do persoal" para que "se mañá xurde algo como isto saibamos como actuar como sociedade".