A Xunta nega que cesase ao director da residencia de Molgas

Miguel Ángel Vázquez nunha entrevista en televisión
O doutor Miguel Ángel Vázquez foi relevado como director da residencia integrada de Baños de Molgas. Tan só uns días antes criticara publicamente que se “actuou tarde e mal” e logo de ter sinalado que “as residencias non son hospitais” e de pedir que as persoas maiores contaxiadas sexan derivadas a centros onde se ofreza atención sanitaria. Desde a Xunta sinalan que non se trata de ningún cesamento, e afirman que a Vázquez se lle encargara pór en marcha a residencia integrada, e que unha vez esta fase "finalizou con éxito", o doutor seguirá colaborando coa Consellaría. O de Molgas é o centro máis novo e mellor xestionado, “é o carameliño” da Xunta, di Zeltia Burgos, responsábel da CIG-Administración autonómica. Por iso  a sindicalista sinala que o de Vázquez non se entende a non ser que sexa por unha represalia debida ás declaracións que realizou.

Miguel Ángel Vázquez deixou de ser o director da residencia integrada de Baños de Molgas.

A Administración galega puxera en marcha este centro para derivar persoas usuarias de residencias de maiores que deran positivo en coronavirus co obxectivo de separalas das usuarias sas de todas as residencias da zona de Ourense e así evitar a propagación do contaxio.

Vázquez deixa de ser o director tan só uns días despois de que varios medios recollesen os seus posicionamentos críticos coa xestión da Xunta, afirmacións que realizou en calidade de presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.

Nunha entrevista radiofónica na Cadena Ser o 20 de abril sinalaba Miguel Ángel Vázquez que “se queremos unha sociedade lonxeva, debemos impulsar recursos e servizos para as persoas maiores” e destacou que na crise da COVID-19 se actuou “tarde e mal, porque hai que detectar de forma precoz os casos positivos nas residencias e evacualos, para illalos das persoas sas”.

Subliñou Vázquez que “as residencias non son hospitais e hai que derivar a eses enfermos a centros onde se lles ofreza atención sanitaria”

Sinalou ademais que na Galiza “non están colapsados os hospitais” polo que “poden ofrecer esa atención que os maiores necesitan”.

Zeltia Burgos, responsábel da CIG - Administración autonómica acudiu esta cuarta feira, 22 de abril, a unha visita para avaliar os riscos na residencia de Molgas. “Non había dirección” debido a que o novo director , Javier Puente, segundo non chegara aínda. Practicamente non se lles deixou ver nada, critica Brugos.

Con todo, e a pesar das eivas, o de Molgas é o centro máis novo e mellor xestionado, “é o carameliño” da Xunta, di Burgos. Por iso ve claro que o cambio de dirección non se entende a non ser por unha represalia debida ás declaracións que realizou.

A Xunta sinala que "non foi un cesamento"

A Consellaría de Política Social afirmou a Nós Diario que o xeriatra Miguel Ángel Vázquez foi contratado "para pór en marcha unha residencia integrada pioneira en España en Baños de Molgas. Tras o bo traballo realizado, o doutor Vázquez seguirá colaborando coa Consellería de Política Social na reflexión sobre o futuro do modelo de residencias, unha tarefa na que a súa experiencia e visión serán fundamentais". Desde a Consellaria tamén sinalan que "unha vez finalizou con éxito a fase de posta en marcha da primeira residencia integrada, esta pasa a formar parte da estrutura de Sanidade, tal e como estaba previsto. Este mesmo proceso se seguirá nas demais residencias integradas, que comezaron a funcionar despois de Baños de Molgas".

Unha traballadora contaxiada

Burgos sinalou a Nós Diario que hoxe mesmo deu positivo unha traballadora da residencia de Baños de Molgas, e denunciou que durante a visita de avaliación que realizou a CIG a este centro, primeiro se lles dixo que non había positivos no cadro de persoal, e ao seren preguntados de novo polo sindicato, os responsábeis do centro, na ausencia da dirección, "quixeron acusar" a traballadora de terse contaxiado fóra da residencia, eludindo responsabilidades sobre o propio o centro, relata a CIG.