Jesús Domínguez, Plataforma Vítimas Alvia 04155

“Ao Estado interesáballe protexer a marca Alta Velocidade e non as vítimas"

Jesús Domínguez é o presidente da plataforma de vítimas Alvia 04155, o tren que descarrilou o 24 de xullo de 2013 na Curva da Grandeira, en Angrois (Compostela), provocando a morte de 81 persoas e máis de 140 feridas. El, que daquela tiña 41 anos, ía nun dos vagóns coa súa familia e resultou con importantes feridas nunha perna. Mais considérase dos afortunados porque “grazas a Deus, non perdín ninguén”. Conversamos con el cando se produce o sexto aniversario do fatal sinistro.

Ás 11:00 parte da estación de tren de Compostela para rematar na Praza do Obradoiro a marcha anual que convoca a Plataforma de Vítimas do Alvia para demandar "verdade e xustiza". Ás 19:00 concentraranse na Curva da Grandeira, onde tivo lugar o descarrilamento,

24 de xullo, unha data cun significado moi especial

Para vítimas e familiares, para quen perdeu alí un familiar, un amigo, para quen sobreviviu mais segue con secuelas... iso xa che acompaña para sempre, toda a vida.

Un sinistro que ten, como denuncian ao longo destes anos, responsabilidades técnicas, políticas e penais.

A nosa reivindicación este ano é que ten que haber unha investigación técnica independente, como exixe a normativa europea. E isto é clave, non só polas responsabilidades técnicas e para aprender dos erros e que algo así non volva acontecer, senón ademais porque ese informe sería o que debería de estar no xulgado, porque o que está alí é o informe da CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios), que é totalmente parcial. Limitouse a facer caso ao que din Renfe e Adif sen ir máis alá.

Que despois de 6 anos desde o accidente non se fixese un informe técnico, e que o teña que pedir Europa reiteradamente, di moi pouco das nosas institucións e da nosa democracia. Esa investigación técnica, que tería as súas derivadas para as responsabilidades penais e políticas, é algo básico.

Responsabilidades políticas? A comisión no Congreso fechou en falso, sen conclusións. É máis, nós pedimos poder comparecer no último lugar e PP e PSOE vetábannos, querían que fósemos a porta fechada. É inaudito. Hai medo á voz das vítimas e a contradicir a versión oficial e iso non é normal nun país democrático.

Que despois de 6 anos desde o accidente non se fixese un informe técnico, e que o teña que pedir Europa reiteradamente, di moi pouco das nosas institucións e da nosa democracia

Esa versión oficial á que se refire nunca lles convenceu.

O Estado español fíxoo moi ben: rapidamente filtrou un vídeo do maquinista no que este dicía que tiña que entrar naquela curva a 80 e fíxoo a 180. Mais ese audio estaba convenientemente cortado porque nel o maquinista tamén dicía que xa advertira os de Seguridade que a curva era moi perigosa. E non foi só o do audio, ocultouse o do ERTMS, o de que se publicitara esta liña como Alta Velocidade...  A loita das vítimas e dalgúns medios foi sacando á luz estas cousas.

O Estado negaba que fose un accidente de Alta Velocidade porque había unha serie de contratos no Brasil e noutros sitios, e o que interesaba non eran as vítimas nin a verdade, senón que a marca da Alta Velocidade non saíse danada. Ese é o obxectivo principal e mantivérono: non se entregou información no xulgado por parte de Renfe e Adif, Fomento ocultou o informe da UE até despois das eleccións... O Estado actuou de maneira vil coas vítimas.

Hai medo á voz das vítimas e a contradicir a versión oficial. Iso non é normal nun país democrático

De confirmar a Audiencia Provincial o feche da instrución tal e como está, como valorarían as vítimas a decisión?

Depende de quen impute. Entendemos que serán imputados o maquinista e o director de Seguridade de Adif. Nós cremos que ten que haber alguén máis, que hai máis responsábeis, por exemplo en Renfe. Se o despiste do maquinista ten relevancia penal, como non o vai ter que haxa un aviso por escrito da perigosidade da curva que chega a 10 altos cargos e non se tomen medidas? Que se diga que nun mes se vai arranxar o do sistema de seguridade ERTMS e non se faga? Isto non ten relevancia penal? Nós cremos que si.

Ademais de denunciar estes anos a actitude de PP e PSOE tamén teñen posto en valor o traballo feito por políticos como Ana Miranda.

Tivemos un grande apoio en Ana Miranda, que nos abriu a porta e nos acompañou en todo momento. Estamos moi agradecidos, grazas a iso saíu o demoledor informe da UE.