Social

Diminúe o número de niños de velutinas na Galiza

Niño dunha vespa velutina na Galiza (Xunta).
Esta vespa de orixe asiático comezou a súa expansión polo país en 2014 e o número de niños foi aumentando ano a ano até 2019.

O número de niños da vespa velutina descende na Galiza por primeira vez en cinco anos. Esta vespa de orixe asiático comezou a súa expansión polo país en 2014 e o número de niños foi aumentando ano a ano. 

Segundo datos da Xunta da Galiza, en 2019 reduciuse o número de niños de velutinas até os 22.023, fronte aos 26.169 que se atoparan no 2018. Isto supón unha reducción do 16% grazas, en parte, á colocación de trampas. 

Até o 2018 estas vespas asiáticas proliferaron na Galiza, mais nese ano xa comezaron a enlentecer o seu crecemento

É na primavera, na época de floración das plantas, cando é máis eficaz colocar trampas para as velutinas e intentar rematar cos seus asentamentos. A Consellaría de Medio Rural puxo ao dispor dos apicultores rexistrados material para frenar a proliferación de niños a principios de ano. 

Agora, aproveitando o confinamento pola crise do coronavirus, varios concellos lembran que estes días pódense colocar trampas nas hortas e nos xardíns das casas. Só se necesita unha botella de plástico e un líquido doce que atraia ás vespas velutinas.