Contra a vespa velutina

No mes de outono faranse cinco anos desde que a Asociación Galega de Apicultura alertara por vez primeira da presenza da avespa asiática na Galiza, unha especie exótica invasora da que tiñan constancia nalgúns puntos da Mariña e que sorprendeu a todo o mundo pola súa capacidade de adaptación, reprodución e propagación por todo o territorio. Os seus efectos son devastadores para a saúde das persoas, a fruticultura, a actividade forestal e a biodiversidade; nomeadamente, para as abellas do país e as persoas produtoras de mel. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza.

Coa chegada da primavera as raíñas de velutina abandonan o letargo para iniciar o seu ciclo vital. Emerxen e comezan a construír os niños primarios. Poñen os primeiros ovos e crían unha xeración de obreiras encargada de iniciar o niño definitivo ao que se acabarán mudando nos albores do verán para multiplicar a súa colonia, pasar o outono e, entrado o inverno, morrer. É a única ocasión que temos de velas. Saen para alimentar as fillas xusto antes de desaparecer para só reproducirse; por iso os apicultores insisten na oportunidade de organizar un trampeo masivo que permita capturar cantas máis raíñas mellor.

“Habería que poñer máis esforzos neste labor preventivo”, apunta Xesús Asorei, secretario da Asociación Galega de Apicultura (AGA). “Na Galiza calcúlase que pode haber máis de 100.000 niños todos os anos, pero non se ven nin a metade. En 2018 a Xunta retirou preto de 25.000. Fiar toda a loita contra a vespa asiática á simple eliminación de niños como quere facer a Administración é un erro”. En dous meses, Asorei colleu 400 raíñas de velutina na contorna das súas colmeas. Non é o único.

“Hai moita xente facendo trampeo. A día de hoxe non hai cousa máis indicada, malia que non é o ideal porque as trampas son pouco selectivas. Caen moscas, bolboretas, avespas crabro e outros bichos; pero aínda así, consideramos que a desfeita que provoca a velutina é moi superior ao estrago que poidamos causar con estes enganos”.

Desde AGA piden avances. “Haberá que investigar para dispoñer canto antes de atraentes específicos que non afecten a outros insectos e lograr un control biolóxico efectivo. Aí está o futuro. A xente está disposta a colaborar e os apicultores temos moitas ideas, pero fáltannos certezas, e para telas, necesítanse cartos”.

A loita biolóxica está en fase de exploración e aínda non hai evidencias científicas que indiquen a valía das capturas. Son dous dos obxectivos do proxecto Positive de intercambio de experiencias entre países europeos para o control da velutina. Vén de celebrar a súa primeira reunión en Vigo e conta coa participación de gobernos e investigadores da Galiza, Euskadi, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda. Xulio Maside, da Universidade de Santiago, é un dos integrantes galegos.

Defende o interese de estudos controlados pola Administración e a comunidade científica co fin de conseguir datos suficientes para estabelecer medidas ordenadas para todo o territorio sen ter que depender das iniciativas illadas de veciños e apicultores, como apunta Xesús Asorei.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]