20 anos do 'Prestige'

A dignidade dun pobo que dixo Nunca Máis

(Foto: @iagolorenzo8)

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este domingo a estrea do documental ’20 anos de dignidade’, dirixido por Xosé Aragunde, e que conta co apoio da plataforma Nunca Máis.

Non collía unha palla na mañá deste domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra. A presentación do audiovisual 20 anos de dignidade, apoiado pola plataforma Nunca Máis, dúas décadas despois do Prestige reuniu na cidade moitos dos que daquela puxeran rostro á mobilización. Tamén a xente do mar, verdadeira protagonista da loita en primeira liña contra o chapapote. E representantes de organizacións ambientalistas, sociais, políticas e sindicais.

Xurxo Souto, coa súa buguina, e Uxía Senlle fixeron de mestre e mestra de cerimonias na presentación do audiovisual dirixido por Xosé Aragunde. “Nunca Máis”, o berro da dignidade que marcou unha época, tamén sonou no Pazo, coreado polo público asistente. Ao escenario subiron, tamén, os membros da coordinadora Nunca Máis naquela altura, portando unha faixa co lema “Nunca Máis impunidade”.

NUNCA MÁIS @SrtaMGM

O documental recolle testemuñas de diferentes persoas que participaron de modo directo na xénese de Nunca Máis, mais tamén da xente do mar que posúe unha visión directa da catástrofe acontecida nas costas galegas hai agora dúas décadas, achegando un balance destes últimos vinte anos.

Na presentación do documental, a terza feira, Xaquín Rubido, Xocas, membro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e un dos portavoces de Nunca Máis, lembrara que grazas ás mobilizacións de Nunca Máis e do pobo galego “conseguimos avances en seguridade marítima” mais cómpre seguir tendo en mente as eivas neste ámbito e se é factíbel pensar que algo parecido volvese acontecer.

“Cremos que se avanzou, grazas ao labor realizado, e foi unha unha conquista da presión soccial promovida por Nunca Máis, pero hai certas cuestións que seguen sendo tendóns de Aquiles para a seguridade marítima e para o futuro”, sinalou Rubido. “O perigo é obvio: vén do mar, do tráfico diario que se produce nas nosas costas. Cen buques que pasan diante de nós, dos que 35 son de mercadorías perigosas, e 15 deles son de bandeiras de conveniencia, bandeiras de libre matriculación. O perigo está aí”.

Pola súa parte, Uxía Senlle, unha das voceiras da plataforma, indicou a importancia “ tentar saber que pouso deixou este movemento social, esta plataforma que foi Nunca Máis”. Senlle sinalou que a corrente xerada naquel intre foi o movemento "máis aberto, máis plural e máis inclusivo e transversal da historia recente da Galiza".

”Creo que todas temos un remuíño de imaxes en branco e negro, pero tamén unha serie de imaxes a cor da sociedade que lle plantou cara ao desastre e á incompetencia cunha paixón e cunha determinación que non esqueceremos na vida”.