O 'Prestige’ en 15 cifras, 20 anos despois

[Foto: Stéphane M. Grueso] Chapapote do Prestige nunha praia galega
Dos 3.500 metros de profundidade aos que está afundido o petroleiro até os 1.923 voluntarios e voluntarias que tiveron que ser atendidos de problemas respiratorios.

O 13 de novembro saltaba a alerta que se confirmaría, traxicamente, o 19 dese mes. O ‘Prestige, con 77.000 toneladas de combustíbel a bordo, e que sufrira unha vía de auga, afundía. Hai 20 anos. Eis 10 datos para entender o que foi e supuxo aquilo.

1) 2.980. Son os quilómetros de costa afectada polo chapapote vertido polo Prestige. Un total de 1.137 praias e areais prexudicadas.

2) 243. Son as millas percorridas polo ‘Prestige’ vertendo fuel, desde que se detectou que tiña problemas, 13 de novembro, até que afundiu, o día 18. O seu equivalente en quilómetros é de 450, unha distancia equivalente á que hai entre Pontevedra e Lisboa.

3) 90.000. Son as toneladas retiradas no primeiro ano de limpeza, de area, refugallos e chapapote nos traballos e labores de liempza de costas e praias afectadas polo ‘Prestige’.

4) 10.000. Son as toneladas recollidas daquela, hai 20 anos, e que  fican aínda sen tratamento "armacenadas" nunha antiga balsa de pluviais do DDS 1 (depósito de seguridade 1) das instalacións de Sogarisa nas Somozas.

5) 200.000. É o número de persoas que participaron na primeira mobilización de Nunca Máis, o 1 de decembro de 2020 en Compostela e que colapsou a capital galega, incluso as entradas e saídas por estrada

6) 300.000. A asociación ambientalista Adega lembra que  o rexistro de recollida de animais ‘petroleados’ e os datos científicos de cálculo de estimas que existen a nível mundial, “indicaba que a mortalidade efectiva-estimada atinxíu a 125.000-300.000 aves, 337-841 tartarugas, 33-84 cetáceos, 11-28 lobos mariños”.

7) 1.923. É o número de persoas que en 2002 e 2003 participaron nos traballos de limpeza do chapapote e que tiveron que ser atendidas por dificultades respiratorias.

8) 3.500. Son os metros de profundidade aos que está afundida a poa do Prestige, a proa está a 3.800 metros

9) 300.000. É a cifra de persoas voluntarias que tomaron parte nos traballos de limpeza do chapapote.

10) 90%. É a porcentaxe do parque nacional Illas Atlánticas afectado polo vertido de fuel oil.

11) 2.118. Son as partes que se personaron ao xuízo polo ‘Prestige’, representando por volta de 14.000 persoas.

12) 400 horas. As horas de xuízo. O xuízo desenvolveuse en 89 sesións, que sumaron por volta de 400 horas de duración. A maior causa instruída no estado español por delito ambiental saldouse inicialmente cunha pena de nove meses para o capitán Apostolos Mangouras, por desobediencia grave á autoridade. Máis tarde, o Tribunal Supremo elevou esa pena a dous anos por delito contra o medio ambiente.

13) 15. Son os buques cada día con mercadorías perigosas e bandeira de conveniencia ante as costas galegas.  Da media de 35 buques con mercadorías perigosas que cada día navegan fronte ás costas galegas, 15 teñen bandeira de conveniencia. É dicir, son barcos de Estados que non cumpren os requisitos en seguridade marítima que se requiren na Unión Europea (UE). Só teñen que cumprir as normativas europeas aqueles barcos que toquen porto da Unión Europe. No ano en que afundiu o Prestige no transporte marítimo movíanse 400 millóns de toneladas en bandeiras de conveniencia, en 2021 foron 912 millóns.

14) 4.442 millóns de euros. Esa cantidade é, para a Fiscalía, a astronómica factura da catástrofe. Fronte a isto, os 2.500 millóns de euros que son a cantidade fixada polo Tribunal Supremo, intereses de demora e custos procesuais incluídos, para as indemnizacións para pagar aos prexudicados: Estado español e francés, Xunta da Galiza, e 265 particulares, empresas, Confrarías e Concellos.

15) 1,3 millóns de euros. O custo para a Xunta do xuízo, segundo no seu momento transcendeu con documentación do departamento de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.