Día Mundial do Autismo: as persoas con esta condición gañan coñecemento e respecto a través do dicionario

Patricia Blanco Rivero, xerente e directora da Federación Autismo Galiza, segunda pola esquerda, xunto a persoal da entidade. (Foto: Nós Diario).
A Galiza conmemora esta terza feira o Día Mundial do Autismo co lema 'Autismo, perto de ti'.

Foron meses de traballo"intenso pero moi satisfactorio". A Federación Autismo Galiza liderou a través da súa xerente e directora, Patricia Blanco Rivero, unha iniciativa que onte culminou nun cambio que chega para mudar a realidade e a autorrepresentación das persoas con autismo.

A Real Academia Galega (RAG) deu a coñecer onte, véspera do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, unha mudanza fundamental no dicionario da lingua galega. 'Autismo' e 'autista' contan cunha nova definición, unha descrición actualizada, máis "precisa e xusta" cara á comprensión do trastorno do espectro autista (TEA) e ao aumento da conciencia pública sobre a diversidade existente dentro desta comunidade.

Blanco Rivero foi a encargada de fundamentar esta actualización na dicionario da RAG. "Nós xa tiñamos o tema estudado aproveitando o movemento social que hai anos se deu no Estado para pedir un cambio no dicionario da RAE", explica a xerente da Federación Autismo Galiza en declaracións a Nós Diario. Ese informe inicial viuse reforzado con nova documentación sobre a revisión científica dos criterios diagnósticos do autismo que, segundo destaca, xustifican a nova definición. "Foi todo moi rápido e moi doado. Desde o primeiro momento a RAG acolleu a nosa proposta con moito interese e resolveu o cambio en menos de dous meses", precisa Blanco Rivero.

A revisión lexicográfica do autismo deixa atrás a súa consideración como unha enfermidade e elimina exemplos pexorativos afastados do rigor científico, do respecto ás persoas con discapacidade, das persoas con autismo e dunha perspectiva baseada na aceptación da diferenza.

Un cambio xustificado

Desde a federación xustifican o cambio solicitado á RAG en dous puntos: unha definición científica do autismo "desfasada" e unha percepción social desta condición tamén obsoleta. "O autismo agora defínese como un trastorno do desenvolvemento, cunhas características concretas que tamén se recollen na definición [caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados]. Ademais, salienta Blanco Rivero, a concepción do autismo evolucionou. "Antes estaba máis ligada a estereotipos de persoa illada do mundo.

A linguaxe é o que constrúe o pensamento e as ideas, por iso era tan importante este cambio

Hoxe a percepción é absolutamente distinta, respectuosa coa neurodiversidade" e allea a mitos anacrónicos que urxía desterrar dun manual lingüístico de referencia para milleiros de persoas. "A linguaxe é o que constrúe o pensamento e as ideas, por iso era tan importante este cambio", precisa Blanco Rivero. As palabras constrúen a realidade, e desde unha institución como a RAG achegan un coñecemento accesíbel e outorgan respecto á comunidade con autismo. "Falamos dunha condición coa que persoas con TEA se identifican cada vez máis e que reivindican como unha forma de ser".

Na Galiza estímase que hai unhas 27.000 persoas con autismo. "Moita xente cre que non coñece ninguén con autismo, mais seguro que si: alguén do traballo, do cole das fillas... Falamos dunha prevalencia aproximada de 1 de cada 100 persoas. É seguro que tes perto de ti algunha persoas con autismo".

Unha xornada internacional para o achegamento real

'Autismo perto de ti' é lema do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo na Galiza, unha xornada na que as entidades da Federación Autismo Galiza se unen para recoñecer e visibilizar a diversidade do autismo. O acto institucional terá lugar hoxe en Vigo e discorrerá nun dos centros da rede de servizos para o autismo e a dependencia da Fundación Menela.

"Contaremos coa visita da conselleira en funcións de Política Social, Fabiola García, con quen falaremos de servizos esenciais de atención temperá, habilidades sociais, promoción da autonomía para achegarlle tamén as demandas do colectivo para esta lexislatura que vén de comezar na Galiza". O acto central contará, ademais, con representantes de entidades de todo o territorio e persoas con TEA.