A Academia Galega actualiza a definición de "autismo" no seu dicionario

A RAG modificou no seu dicionario en liña, nas vésperas do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo -que se celebra 2 de abril-, a definición deste trastorno do desenvolvemento neurolóxico após a solicitude da Federación de Autismo Galiza.

20240401-rag-web-autismo
photo_camera Nova definición de autismo (Foto: RAG)

“Conscientes do papel que a institución desempeña na sociedade, a RAG quere promover os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade, o que nos leva a un proceso constante de revisión e modernización do dicionario”, sinala a académica de número María Dolores Sánchez Palomino, coordinadora en funcións do Seminario de Lexicografía, na resposta remitida á Federación de Autismo Galiza, que solicitou a actualización da definición da entrada de autismo e facilitou documentación sobre a revisión científica dos criterios diagnósticos do autismo, que deixaron atrás a súa consideración como unha enfermidade.

“O autismo non cumpre con este criterio, xa que non implica un mal funcionamento dos sistemas corporais, senón diferenzas no procesamento neurolóxico. O cambio na súa conceptualización reflicte unha comprensión máis moderna e respectuosa da diversidade neurobiolóxica e destaca a importancia de aceptar e apoiar as persoas no espectro autista en función da súas necesidades e fortalezas individuais”, salienta na carta remitida á RAG a Federación, que representa máis de dez mil persoas, entre as que presentan autismo e as súas familias.

A nova redacción define así o autismo como un “trastorno do desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados”.

No apartado de observación engádese que normalmente se emprega a expresión trastorno do espectro autista ou trastorno do espectro do autismo (TEA) para designar un conxunto amplo de condicións que teñen unha prevaleza de 1 caso cada 100 nacementos. De acordo cos cambios na entrada de autismo, tamén foi actualizada a voz autista.

O Seminario de Lexicografía agradece a colaboración da Federación Autismo Galiza na mellora do Dicionario da Academia Galega, unha “obra colaborativa” na que deben participar todos os sectores, destaca o seu director, o académico de número Manuel González.

“Estamos convencidos de que só o diálogo constante entre a sociedade e a Academia permitirá contar cunha obra que cubra as nosas necesidades”, conclúe.

Comentarios