Detidos tres coruñeses como presuntos autores do asasinato de Samuel Luiz

Mensaxes de lembranza no lugar no que Samuel foi asasinado. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Policía Nacional procedeu ao arresto de tres veciños da cidade de entre 20 e 25 anos como autores materiais do crime, de posíbel motivación homófoba.
Axentes da Policía Nacional veñen de proceder á detención de tres veciños (unha muller e dous homes) da Coruña de entre 20 e 25 anos como presuntos autores do asasinato do mozo de 24 anos Samuel Luiz a pasada fin de semana.

O corpo de seguridade deu conta deste novo paso na investigación do crime, de posíbel motivación homófoba, na súa conta da rede Twitter.

No entanto, tamén indica que os traballos continúan "até o total esclarecemento dos feitos" acaecidos na zona do Orzán na madrugada do pasado sábado.

En consecuencia, "non se descartan máis detencións nas próximas horas".

Até o de agora sabíase que había 15 persoas vinculadas dalgún xeito a este crime. Todas foron interrogadas nas dependencias de Lonzas en relación á súa posíbel participación na malleira mortal a Samuel Luiz que, segundo as súas amizades, tivo un agravante LGTBifóbico, pois segundo as testemuñas os agresores agresores repetían, unha e outra vez, maricón, imos matarte”, “maricón de merda, ímoste matar”.

A cidadanía, xa sexa da Galiza ou doutros territorios, está unida exixindo xustiza para Samuel como así o demostraron nas multitudinarias concentracións de repulsa polo asasinato que decorreron na tarde da segunda feira.

Todas as hipóteses abertas

A delegación do Goberno español na Galiza concretou que a investigación está baixo segredo de sumario por mandato do xulgado. No entanto, tamén aclarou que agora a Policía centra os seus esforzos en aclarar o acontecido coas testemuñas e o visionado de imaxes captadas quer por teléfonos móbiles, quer por cámaras instaladas na zona pola Policía Local e entidades privadas.

O delegado, José Miñones, pediu responsabilidade e prudencia para que as e os expertos traballen e aclaren o antes posíbel as circunstancias do crime. De feito, subliñou que é unha débeda coa sociedade e, sobre todo, coa familia de Samuel.

Pola súa banda, preguntado ao respecto, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, afirmou que continúan "abertas todas as hipóteses" sobre o motivo polo que varias persoas mataron ao mozo Samuel Luiz, un traballador da residencia de maiores de Padre Rubinos de 24 anos. Desta forma, non descartou o móbil vinculado á súa orientación sexual do que falan as amizades da vítima.

Tampouco hai unha confirmación de que ese fora o motivo final da brutal malleira que levou o mozo á morte. Faltará saber as conclusións das autoridades se ben unha amiga de Samuel insiste en que o malentendido e a pelexa comezou por un teléfono móbil e unha suposta gravación, mais acabou entre expresións homófobas. Outras dúas testemuñas, Marco e Pablo Barrón, aludiron hoxe a unhas 12 persoas que participaron activamente no crime.