Feixoo evita relacionar o asasinato de Samuel coa homofobia e Pontón ínstao a “deixar a equidistancia”

O presidente da Xunta di que “o que está comprobado é que mataron unha persoa. Non sabemos o porqué”

Alberto Núñez Feixoo. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

"O que está comprobado é que mataron unha persoa. Non sabemos porqué. A medida que avance a investigación saberase a causa. Non me atrevo a dicir se se pode tipificar como un problema de homofobia". Así se expresou o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, na entrevista desta terza feira na Cadea Ser en relación ao asasinato de Samuel Luiz após unha malleira en grupo na Coruña.

A portavoz nacional, Ana Pontón, mostrou a súa sorpresa polas declaracións do presidente da Xunta na entrevista na Cadena Ser, ao entender que restaba importancia ao feito de que o ataque ao mozo coruñés fose precedido por insultos homófobos.

"E por iso, sorprende a reacción de quen, como o presidente da Xunta, parece empeñado en negar que detrás do asasinato de Samuel hai homofobia, e non se pode ser equidistante, nin se pode tentar mirar para outro lado cando a un mozo de 24 anos é asasinado pola súa condición sexual. E como se a un asasinato machista se quixera limitar a un caso de violencia máis, como se non tivese importancia ou fose secundario a causa que motiva o crime machista", alegou Pontón.

A líder do BNG considera que Feixóo debe rectificar “e ser contundente na condena da homofobia, que lamentablemente están detrás do crime que acabou coa vida dun mozo de 24 anos na Coruña", concluíu.

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou o "orgullo"  de ver como as rúas e as prazas ao longo de Galiza "se encheron para reclamar xustiza para Samuel e condenar o seu vil asasinato, un crime que, ademais, todo apunta a que está tinguido de homofobia, o que engadiría un delito de odio á violencia sen sentido que acabou coa súa vida".

Comentarios