Quince persoas identificadas en relación coa malleira mortal a Samuel

Amizades de Samuel no decorrer da concentración na Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press)

Aínda non se realizaron detencións.

O número de identificacións e toma de declaracións no caso de Samuel Luiz, o mozo asasinado dunha brutal malleira na Coruña, elévase a 15, segundo a Cadea Ser da Coruña en base a información da Delegación do Goberno español na Galiza. “A delegación do Goberno comunicou que se produciron quince identificacións e tomas de declaración desde que comezou a investigación”, sinala esta emisora.

Trátase, indica, de probas  testificais de persoas que poderían ser autoras materiais da mortal malleira, pertencentes ao grupo agresor ou testemuñas presenciais. Os testemuños únense á análise das imaxes das cámaras de seguridade da zona e mesmo ás recollidas por móbiles. Polo momento todas as vías de investigación seguen abertas, segundo fontes policiais, entre elas a de que se trate dun crime motivado pola condición sexual da vítima.

En declaracións a Radio Voz, recollidas por Europa Press, o delegado do Goberno en Galiza, José Miñones, afirmou que hai 15 persoas identificadas mais non aclarou se entre estas persoas se atopa algún dos autores da agresión mortal . 

Neste contexto, Miñones fixo un chamamento a deixar que a investigación siga o seu curso, porque "as próximas horas son cruciais". Ademais, aseverou que serán tanto as testemuñas como as imaxes captadas polas cámaras --da Policía Local e das entidades privadas-- no lugar dos feitos, as que "van permitir esclarecer o detalle do ocorrido".

"O que queremos é pechar ben a investigación, debémosllo principalmente á familia de Samuel, pero tamén á sociedade e aos amigos", agregou o delegado do Goberno.

"Maricón"

A morte de Samuel Luiz está baixo secreto de Sumario. Amigos de Samuel e testemuñas da agresión están a relatar nestas horas como, segundo a súa versión, se desenvolveu o mortal ataque que conmociona A Coruña. E neses relatos a diferentes medios hai sempre unha constante: os agresores non paraban de repetir “maricón, imos matarte”, “maricón de merda, ímoste matar”.

Explican que todo empezou cun mal entendido porque unha parella pensou que Samuel e unha amiga os estaban a gravar, cando en realidade estaban a facer unha  videochamada a unha terceira amiga que estaba na casa. Os amigos do falecido contaron en Telecinco como foi a malleira mortal a Samuel.  Lina, unha das persoas que estivo ao seu lado neses instantes, contou que estaban a falar por unha  videochamada cando de súpeto pasaron unha moza e un mozo e "el púxose a berrar que parásemos de gravalos".

Afirma que, a pesar de explicarlle que non estaban a gravar a ninguén, o mozo volveu en ton ameazante: "Deixa de gravarme se non queres que te mate, maricón". Foi aquí cando Samuel contestou “maricón de que", e a resposta foi unha puñada e varios golpes. "Ese mozo quería unha pelexa con alguén e tocounos a nós".

A intervención de persoas presentes conseguiu parar a agresión. Samuel entón pediu á súa amiga que lle fose procurar o móbil, que perdera. Cando ela atopou o móbil após buscalo puido ver un barullo de xente. “Empecei a pedir auxilio porque estaban a matar o meu amigo, pedín por favor que non lle pegasen, el estaba inconsciente no chan, había moita xente...".

 Lina quere deixar claro que "foi un crime  homófobo, totalmente. Cando o estaban agredindo dicíanlle 'maricón de merda' e así o dixen no atestado".