O detido pola agresión ao xogador do xuvenil do CD Lugo queda en liberdade mais investigado

Un coche da Policía Nacional (Foto: Europa Press).
A Policía Nacional detivo un mozo pola agresión do futbolista, que continúa ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

O mozo detido como presunto autor da agresión a Gonzalo Cuéllar, o futbolista de 18 anos do equipo Xuvenil División de Honra do Club Deportivo Lugo, quedou en liberdade coa prohibición de comunicarse e de aproximarse á vítima. Está investigado por un delito de lesións.

Así o decidiu o maxistrado do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza da Galicia (TSXG).

A Policía Nacional detivo un mozo pola agresión do futbolista, que continúa ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Segundo informou a Comisaría Provincial, a detención produciuse a última hora da segunda feira por mor duns feitos que ocorreron na madrugada do sábado ao domingo, nunha zona de lecer nocturno na rúa Clérigos.

O acontecido

O novo futbolista, irmán do xogador do CD Lugo Jaume Cuéllar, recibiu unha puñada tras unha discusión e tivo que ser trasladado en ambulancia ata o HULA, onde ingresou na UCI pero con evolución favorábel. Ao longo da segunda feira foi derivado a planta.

Os axentes, despois de que a familia presentase denuncia o domingo, iniciaron unha investigación na cal tomaron declaracións a todos as posíebis testemuñas. Así, tras estas dilixencias, lograron determinar a presunta autoría das lesións.