Detéctanse 373 novos positivos na Galiza en 24 horas

Un traballador sanitario acude nunha ambulancia á residencia de maiores de San Cibrao (Carlos Castro/ Europa Press)

Vigo, Pontevedra e Compostela achegan máis da metade dos novos casos nun día coa taxa de positividade no 4,8%. Con tres novos falecementos, xa son 1.303 as vítimas desta pandemia desde o seu inicio.

A actualización dos datos da pandemia publicados este domingo pola Consellaría de Sanidade até as 18 horas do sábado descobren un total de 373 novos casos positivos por Covid-19 na Galiza nas últimas 24 horas.

Isto supón 72 máis que na xornada anterior. En relación á hospitalización, descende en tres polo que a cifra total de queda en 349, dos que 52 están en UCI.

Vigo, Pontevedra e Compostela

A maioría dos positivos procedían de tres áreas sanitarias que achegaron máis de 60% dos novos casos: Vigo, Pontevedra e Compostela. Este último distrito continúa co seu ascenso en casos activos e achégase a cífra da área da Coruña, a segunda con máis positivos pero que baixa por primeira en vez semanas dos 1.000 casos activos.

A presión hospitalaria mantense con tan só tres ingresados menos respecto das cifras do sábado. Os hospitais galegos acollen nestes momentos a 349 persoas: 297 en planta e 52 en críticos.

Por áreas, a de Santiago-Barbanza é o único distrito sanitario no que aumentan os ingresos, con cinco máis até os 66 con 10 deles na UCI. Na da Coruña mantense o maior número de persoas ingresadas con 87 pacientes hospitalizados e 13 deles en UCI. En Vigo baixan este domingo en tres as hospitalizacións con coronavirus até situarse en 58. Nas unidades de críticos do distrito vigués mantéñense os 11 pacientes que había na xornada anterior.

Con respecto á de Pontevedra-O Salnés hai agora 46, dous menos que hai 24 horas con oito pacientes en críticos. Ourense-Verín-O Barco conta con 34 hospitalizados e dous en UCI. Por último, na área sanitaria de Ferrol descende nun o número de ingresados coa Covid-19 até os 32, dos que catro están en UCI; mentres que en Lugo-Mariña-Monforte acolle nos seus hospitais a 26 pacientes con coronavirus, entre os que hai catro en críticos.

373 novos casos

En canto á detección de casos, Galiza diagnosticou da Covid-19 nas últimas 24 horas a 373 persoas, 72 máis que un día antes.

Vigo foi a área sanitaria na que máis positivos apareceron con 98. Tamén destacan as cifras de Santiago-Barbanza con 73 positivos. Na Coruña os casos positivos foron 41. No resto subiron os casos detectados: en Pontevedra foron 63; en Ourense 48; en Ferrol, 26; e en Lugo, 24.

Con estes datos son agora 5.521 as persoas coa Covid-19 diagnosticadas na Galiza.

Persoas curadas e falecidas

Sanidade tamén recolle os datos que desde o principio da pandemia diagnosticáronse coa Covid-19 e na Galiza foron un total de 56.457, dos que 49.634 curáronse, 402 nas últimas 24 horas.

E unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia seguen subindo e son xa 1.303 após a confirmación de tres novos falecidos con Covid-19 por parte das autoridades sanitarias nas últimas horas. Un deles estaba vinculado a residencias de maiores.