Detectado un brote con 9 positivos de COVID-19 en Ribeira e A Pobra do Caramiñal

Profesionais sanitarios nun hospital (F. Havia/EP).
O xerente do Sergas explicou que se está facendo unha investigación de máis posíbeis contactos.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) informou este domingo de que detectou un brote de coronavirus con nove afectados que deron positivo nas probas PCR, polo momento, nas vilas de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, na comarca do Barbanza.

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, explicou nunha rolda de prensa esta tarde que se está facendo unha investigación de máis posíbeis contactos. "Este brote xera preocupación", recoñeceu, para agregar que as autoridades sanitarias fican "atentas" a súa evolución, para salientar que o o sistema de rastrexo da COVID-19 "semella ter funcionado" porque lles permitiu buscar contactos e realizar probas nun prazo "moi curto". 

Dos 9 positivos confirmados, 8 pertencen a Ribeira e 1 á Pobra do Caramiñal. Todos presentaron unha sintomatoloxía leve e non precisaron hospitalización, segundo apuntou o xerente. Son persoas do círculo familiar e de amizade da familia na que se rexistrou o primeiro caso.

A persoa que se considera posíbel orixe deste grupo de infeccións é un home que viaxou desde O Brasil co estado de alarma aínda vixente, que deu negativo na PCR pero ao que se lle fixo unha proba serológica que mostrou a presenza de anticorpos, o que indica que a súa infección está xa "resolta".

Outros 15 contactos deron negativo

O primeiro caso detectouse na sexta feira e outras 15 persoas ás que se lles fixo a proba deron negativo, pero seguen estando vixiadas. Estes contactos deberán permanecer un mínimo de 15 días nos seus domicilios en confinamento, segundo manifestou Fernández-Campa, que compareceu xunto ao director xeral de Saúde Publica, Andrés Paz-Ares.

A Plataforma de vixilancia e control epidemiolóxica detectou a aparición destes 9 casos positivos e vinculounos a este caso importado do Brasil, que chegou a Galiza a principios do mes de xuño após unha viaxe en avión vía Lisboa, e actuou como vector de contaxio sobre a súa filla, que foi a que deu o primeiro positivo.

Fernández-Campa lembrou á cidadanía a necesidade de continuar aplicando as medidas hixiénico-sanitarias estabelecidas desde o inicio da pandemia da COVID-19, con especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras naqueles espazos onde non é posíbel gardar a distancia social de seguridade.