A probabilidade dun rebrote da COVID-19 é alta segundo Fernando Simón

O director do Centro de Coordinación de Emerxencias da Sanidade, Fernando Simón, nunha comparecencia (Imaxe: Europa Press).
Fernando Simón valorou nunha comparecencia que a inmunidade na poboación non é a suficiente como para evitar un rebrote da enfermidade. Por iso, resaltou a importancia do comportamento cidadán e de detectar os novos brotes con rapidez.

A probabilidade dun novo brote da COVID-19 é “alta”, mais unha segunda onda da epidemia en outono sería “algo máis controlada”. Así expuxo o director do Centro de Coordinación de Emerxencias da Sanidade, Fernando Simón, este sábado nunha comparecencia ante os medios de comunicación.

“Os rebrotes que poidan pasar, cos mecanismos de control e o traballo que se está a realizar, farán que o sistema non chegue aos límites aos que chegamos”, manifestou, nese sentido resaltou que os novos abrollos son moi probábeis.

Unha segunda onda epidémica en outono non é unha certeza, mais de producirse Simón calcula que o impacto sería “moitísimo menor” de controlarse os brotes rapidamente. “Vai depender de como nos comportemos”, valorou, ao tempo que a propia cidadanía “favorece ou non a transmisión da enfermidade”.

Nese senso, destacou a importancia da obrigatoriedade de portar máscaras no transporte público. Xeneralizar o seu uso, matizou, é difícil de propoñer a toda a poboación. “Mentres non haxa mobilidade, a distancia de seguridade pódese manter até certo punto, mais a medida que esa mobilidade aumente imos ter problemas para gardar as distancias”, xustificou.

Inmunidade da poboación

En canto ao incremento no nivel de mobilidade nestes días, Simón precisou que non semella estar ligado “a un impacto no incremento dos datos” relacionados coa doenza. Isto podería implicar que as medidas de protección persoal teñen un impacto maior do que se preveu nalgúns modelos que avanzaban a evolución da enfermidade.

O control da COVID-19 tamén supuxo que a inmunidade da poboación non sería o “suficientemente alta” nos vindeiros meses. Para paliar a falta dunha vacina e evitar un novo brote, a porcentaxe de persoas que desenvolvan anticorpos tería que situarse entre 67% e 70% da poboación.

Na Galiza, os datos do estudo epidemiolóxico que está a levar a cabo a Xunta da Galiza con 100.000 participantes deron testemuña polo momento dunha porcentaxe de persoas en contacto co virus moi baixa. Con todo, cabe destacar que as propias profesionais sanitarias puxeron en dúbida a precisión das probas realizadas.

O Estado tamén está a levar a cabo un estudo de características similares ao da Xunta. Porén, Simón destacou que non se coñece aínda “canto dura nin a efectividade” do grao de inmunidade. Respecto as recentes investigacións arredor do coronavirus, apuntou a que hai hipóteses que relacionan a súa supervivencia cunha mellor ou peor calidade do aire. “Son hipóteses sólidas”, concluíu o doutor, “mais falta a comprobación final”.