Alta porcentaxe de pensionistas en pobreza severa

A desigualdade que deixa Feixoo en 8 datos

A pobreza tense incrementado na Galiza en 1,5 puntos desde a chagada de Alberto Núñez Feixoo á Xunta. (Foto: Europa Press)

Durante os 13 anos que Núñez Feixoo leva á fronte da Xunta, a desigualdade subiu 1,5 puntos, o poder adquisitivo nos salarios caeu 6,9% e as persoas que cobran as pensións máis baixas creceron 35%. Feixoo deixa a Xunta cunha Galiza con máis de 400.000 pensionistas que viven na pobreza e 22% en situación de pobreza severa.

1.— 694.367 galegas e galegos son pobres. Segundo o último informe 'O estado da pobreza na Galiza', elaborado en 2021 pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza ( EAPN-Galiza), “25,7% da poboación galega estaba en risco de pobreza e ou exclusión social no ano 2020, o que supón un incremento de 1,4 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior”. Na mesma liña, indica que “en termos absolutos, 694.367 galegas e galegos estaban nesta situación, 38.389 persoas máis que no ano anterior”. Ao tempo, afirma que a pobreza aumenta máis na Galiza que no conxunto do Estado español desde 2017.

2.—1,5 puntos tense incrementado a desigualdade na Galiza desde 2009. Se en 2008, último ano do Goberno do PSdeG e BNG á fronte da Xunta, o índice de Gini situábase en 0,284 e a desigualdade na Galiza lograba a cifra máis baixa de toda a serie histórica, a situación é completamente diferente transcorrida unha década. Así, na última anualidade con datos, 2020, o índice de Gini é de 0,42, practicamente 1,5 puntos por encima, tendo en conta que cero correspóndese coa igualdade perfecta, con todas as persoas cos mesmos ingresos, e 1 coa desigualdade máxima, onde unha persoa ten todos os ingresos e o resto da poboación ningún.

Rendas do traballo

3.— 2 puntos caeron as rendas do traballo desde a chegada de Alberto Núñez Feixoo á Xunta da Galiza. Segundo os últimos datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), as rendas do traballo representaban na Galiza a 31 de decembro de 2020, 46% do Produto Interior Bruto (PIB), exactamente dous punto menos que en 2009. Naquela altura, as rendas do capital significaban 52% do PIB galego, fronte a 54% de 2020, nunha clara mostra da perda de poder adquisitivo dos asalariados galegos, que rexistran unha das peores distribucións das rendas do espazo estatal e europeo. Neste sentido, Tomas Pikkety, no seu clásico libro O Capital século XXI, escribe que a relación entre as rendas do capital e do traballo é o principal termómetro para medir as desigualdades sociais.

4.—6,9% menos de poder adquisitivo nos salarios dos traballadores galegos desde 2010. A este respecto, o Monitor de Oportunidades e Satisfacción no Emprego, publicado en febreiro de 2022 pola Fundación Adecoo, certifica unha caída do poder de compra para o período de 2010 a 2021 de 6,9%. Pola súa parte, o Intituro Galego de Estatística (IGE) sinala que en 2009, a contía media de hora traballada na Galiza foi de 15,7 euros, situándose en 2020 en 19,1 euros, fixando un incremento de 3,4 euros, unha cifra moi inferior á da inflación acumulada en toda esa década, onde o IPC aumentou en 13,4%.

Pensionistas

5.— 404.154 pensionistas galegos viven na pobreza. Os dados fornecidos pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN) na Galiza significan que “404.154 persoas, unhas 71.000 máis que o ano anterior, reciben unha pensión cuxo importe é inferior ao mínimo considerado para non ser pobre”. Segundo EAPN-Galiza, enténdense por pobres aquelas persoas cuns ingresos inferiores ao chamado limiar da pobreza, é dicir, 60% por baixo da media da renda estatal equivalente en unidades de consumo, cifrado en 2020 en ingresos menores a 9.626 euros ao ano nun fogar dunha persoa, ou de menos de 20.215 euros ao ano nun fogar con dous adultos e dous menores.

Pobreza severa

6.— 22,10% das e dos pensionistas atópanse en pobreza severa. A EAPN-Galiza inclúe na  pobreza severa aquelas persoas que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% da media da renda estatal, unha cifra notabelmente inferior á empregada para definir o risco de pobreza e, por tanto, o indicador agrupa persoas que están nunha situación límite. Mentres na media estatal 16,10% do total dos pensionistas atópanse en pobreza severa, no país a cifra chega a 22,10%, marcando diferencias de mais de 10 puntos con Castela-A Mancha, de 8,30 puntos con Euskadi, de 8,20 puntos con Nafarroa ou de 8,80 puntos con Madrid. Así, segundo o informe EAPN, Galiza rexistra a máis alta porcentaxe do Estado español de pensionistas en situación de pobreza severa.

7.- 61.226 xubilados vivían en 2020 na Galiza cunhas pensións que non superaban 324 euros, sendo 33.876 mulleres e 27.350 homes. Ao tempo, os ingresos de 197.549 pensionistas galegos sitúanse entre 324,35 euros e 648,7 euros, correspondéndose 121.036 con mulleres e 76.513 con homes. A este respecto, a comparativa dos exercicios de 2019 e 2020 deixa claro que os beneficiarios das pensións máis baixas téñense incrementado en 35% nese período. Ao tempo o número de pensionistas que superan entre 1 e 1,5 veces a pensión mínima, isto é 973 euros, teñen minguado en 22% no último ano.

8.— 668,9 euros foi a pensión media dunha persoa traballadora por conta propia na Galiza en 2021. A Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) sinala que os traballadores galegos por conta propia cobran a pensión de xubilación máis baixa do Estado, rexistrando unha contía media para Galiza de 668,9 euros, 518 euros por baixo dun asalariado, con Ourense presentando a peor cifra, con 646,84 euros, seguida de Lugo con 647,31 euros, A Coruña con 692,31 euros e Pontevedra con 698,24 euros.Porén, só 75,7% dos autónomos galegos pagan a cota mínima, fixada en 289 euros, fronte a 85,7% de media do conxunto do Estado.