Proxecto Ríos

Descuberta da biodiversidade nas ribeiras do Grou

Voluntariado do Proxecto Ríos no Grou [Imaxe: Paco Bañobre]

O XV Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos celébrase cunha descuberta de biodiversidade nas ribeiras do río Grou, en Lobios. Nesta iniciativa organizada desde a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza as persoas participantes percorren treitos do río para colaborar na realización dunha listaxe sobre as riquezas e a biodiversidade existente na zona.

Os encontros de voluntariado do Proxecto Ríos chegan ás súa décimo quinta edición. Este sábado 7 de xullo celébrase con motivo deste fito unha nova descuberta de biodiversidade nas ribeiras do río Grou, no concello de Lobios. A iniciativa, organizada desde a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), consiste en fotografar e listar as especies de flora e fauna que se localizan nesa área para logo poder coñecer de maneira máis precisa toda a riqueza e biodiversidade existente.

Un Bioblitz consiste en fotografar e listar as especies de flora e fauna que se localizan nesa área para logo poder coñecer de maneira máis precisa toda a riqueza e biodiversidade existente

É o que se denomina como Bioblitz, sinala a Sermos Galiza Paco Bañobre, coordinador desta actividade. “Con esta expresión referímonos á realización dunha descuberta de biodiversidade nun período curto de tempo no que un grupo de persoas identifica o maior número de exemplares tanto de flora como de fauna para determinar a reiqueza, neste caso, na contorna do río Grou”. Bañobre adianta que maiormente atoparán fauna asociada ao entorno fluvial (libélulas e bolboretas) ademais de plantas acuáticas.

“Acompáñannos varios expertos da Universidade da Coruña e o botánico Íñigo Pulgar”, sinalou Bañobre. Pulgar é grande coñecedor da zona w autor dunha precisa guía sobre a flora da serra do Xurés e a Baixa Limia.

Ás 10.30 deste sábado as e os participantes partiron do centro de interpretación Requeixo de Grou, en Lobios, para percorrer as ribeiras do río. Tamén ollarán algunha das problemáticas ambientais da zona, pois ao camiñaren augas arriba do río Grou atoparán unha minicentral que turbina un río tributario do Grou, o regato Corgo.

O encontro de voluntariado do Proxecto Ríos

A asociación ecoloxista ADEGA desenvolve os encontros de voluntariado do Proxecto Ríos. Trátase dunha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos galegos e consiste na realización de inspeccións do estado dos ríos por parte de persoas voluntarias.

Estas inspeccións realízanse como mínimo dúas veces ao ano en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos

Estas inspeccións realízanse como mínimo dúas veces ao ano en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos e que axudan a cumprimentar unhas follas de inspeccións que, posteriormente son a base dos estudos anuais que ADEGA realiza grazas, precisamente, aos datos subministrados por todas as persoas participantes nas distintas campañas. As análises recóllense ademais nunha base de datos accesíbel na web de ADEGA.

A idea deste proxecto bebe da iniciativa que a Associació Hábitats realizou en 1999 co Projecte Ríus en Catalunya. Hoxe en día e a raíz deste programa, máis de 700 grupos forman en Catalunya unha rede de inspección de ríos, avaliándoos e coidándoos.

A idea deste proxecto bebe da iniciativa que a Associació Hábitats realizou en 1999 co Projecte Ríus en Catalunya

Cinco anos despois, ADEGA asinou un convenio de colaboración coa Associació Habitats para trasladar a iniciativa á Galiza, adaptándoa ás características específicas das bacías fluviais. Desde aquel 2004 o Proxecto Ríos foi medrando e creando conciencia de respecto pola diversidade e as augas continentais galegas.  

Desde ADEGA enfatizan que o Proxecto Ríos está aberto a calquera persoa ou colectivo que asuma o compromiso de levalo adiante: asociacións de veciños, de pescadores, deportivas, culturais, sociais, centros educativos, escolas de tempo libre, grupos familiares ou de amizades.