denúnciao adega

Os ríos galegos, ao servizo do turismo e do negocio do ‘Efecto Xacobeo’

Adega advirte que o anteproxecto de Lei de Pesca Continental que vén de presentar a Xunta presenta un “déficit conservacionista” e una “deriva privatizadora” sobre os ríos, á vez que obvia a importancia de conservar os ecosistemas acuáticos continentais para garantir a sustentabilidade do recurso.

A Xunta vén de presentar o anteproxecto de Lei de Pesca Continental coa vocación de substituír a norma vixente de 1992. Unha norma, considera Adega, para ordenar a pesca exclusivamente desde perspectiva deportiva ou turística, esquecendo a importancia de conservar os ecosistemas acuáticos continentais para garantir a sustentabilidade do recurso.

Os ecosistemas acuáticos son “algo máis que fornecedores de capturas”, advirte a asociación. Porén, reitera, o anteproxecto mostra unha “excesiva tendencia” a considerar a pesca como unha actividade de lecer cun importante potencial de negocio, deixando nun segundo plano a conservación e a sustentabilidade do recurso. 

Un dos aspectos máis controvertidos da norma é a introdución dun novo tipo de augas de pesca, denominadas “de aproveitamento privado”. Nestas concesións de pesca intensiva, afirma Adega, a Xunta cederá na práctica aos titulares a xestión total destes treitos coa condición de que adopten medidas para “impedir a comunicación cos leitos naturais”, e eximindo as persoas usuarias da preceptiva licenza de pesca.  “Propoñemos suprimir esta figura por supoñer unha enaxenación de recursos públicos e unha cesión de dereitos (máis aló do uso concesional) sobre bens cuxa tutela corresponde exclusivamente á administración”, informa a asociación ecoloxista.

“ Albiscamos unha clara intención de convertir a pesca nas augas continentais galegas nun elemento máis de atracción turística e de negocio, na liña do “efecto Xacobeo”, descoidando as outras funcións ecolóxicas e de interese público que acubillan ríos, lagos e lagoas”, conclúen desde Adega.