Descartados como casos de submisión química as denuncias presentadas na Galiza

Grupos de mozos e mozas á saída dun local de lecer nocturno da capital galega. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Tres rapazas denunciaran, na Coruña e Nigrán, ter sido vítimas de picadas durante a noite.

Os casos de posíbel submisión química denunciados nos últimos días na Galiza, após explicar as denunciantes que recibiran picadas, quedaron descartados, segundo veñen de concluír fontes policiais.

En concreto, sobre as denuncias realizadas, precisan que no Estado español en todos os casos que chegaron a mans das autoridades descartouse que sexan por submisión química.

Na Galiza, unha moza denunciou sufrir unha picada durante a celebración das festas de Praia América, en Nigrán, con analítica negativa. A ela sumáronse outras dúas rapazas que alertaron de supostos casos na Coruña.

Así, unha moza denunciou en Santiago de Compostela após unha noite de festa na cidade herculina notar unha picada, sen desmaiarse, mentres a outra moza afirmou que sufriu un desmaio á saída dun local de lecer nesta cidade. Investigouse como un posíbel caso de submisión química após detectarse unha marca na zona do nocello.

Cómpre salientar, porén, que o persoal sanitario advirte que a non detección de substancia ningunha no corpo da denunciante non implica necesariamente que non sufrise unha picada ou se lle subministrase algunha substancia.

Protocolo da Xunta

Pola súa parte, a Xunta da Galiza avanzou a posta en marcha dun protocolo unificado de actuación no Sergas ante casos sospeitosos de submisión química.

Trátase dun documento xa remitido ás sete áreas sanitarias para comezar a funcionar "de inmediato", pero que estará suxeito "a permanente revisión e actualización coas achegas que se reciban", segundo a Administración.

O documento derivarase ao Observatorio Galego da Violencia de Xénero, dependente da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade, para que se estude e se presenten posíbeis alegacións.

Aliás, esta cuarta feira o PSdeG urxiu a creación de "protocolos de acceso ás discotecas máis estritos" para evitar a entrada de xiringas e garantir a seguridade das persoas alí presentes.