Deputacións e Fegamp reprochan á Xunta que impoña cooperar nun plan para a hostalaría do que non sabían

Reunión de tres das catro deputacións galegas. (Foto: Deputación de Pontevedra)
As administracións da Coruña, Pontevedra e Lugo e os municipios non entenden o motivo que levou ao Goberno galego a anunciar un proxecto de subvencións que non se negociou entre as partes. Aliás, lembran que xa levan meses fornecendo subvencións ao empresariado para paliar os efectos da pandemia.

As Deputacións nas que non goberna o PP, é dicir, as da Coruña, Lugo e Pontevedra mantiveron esta sexta feira unha reunión a tres bandas para tratar o tema das axudas á hostalaría dado o fechamento ao que levaron á maioría do sector as novas restricións da Xunta. Na mesma liña dixo traballar a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que pediu unha reunión co Executivo galego. En todo caso, após a petición de Alberto Núñez Feixoo para que aposten nas subvencións con cartos propios, estas entidades e Administracións lamentaron que apele a elas cando non as tivo en conta á hora de estabelecer as prohibicións pola terceira onda da pandemia.

Os presidentes das deputacións da Pontevedra, Lugo e A Coruña, Carmela Silva, José Tomé e Valentín González Formoso, respectivamente, tiveron hoxe un encontro telemático de traballo para analizar a difícil situación pola que pasan a hostalaría e o comercio de proximidade após case un ano convivindo coa Covid-19.

As institucións, que lembraron que están a facer “un esforzo importante” no apoio aos sectores peor parados “a pesar de carecer de recursos e competencias”, incidiron ante a petición da Xunta en que tanto as tres deputacións como moitos concellos activaron as súas liñas de subvencións ao empresariado.

Neste sentido, fontes da deputación pontevedresa insistiron en que “o mundo municipal amosou unha vez máis” que é o máis próximo á cidadanía “dando unha resposta moito antes que a Xunta, que chega un ano tarde” malia que a competencia é só súa.

Así, comentaron que os apoios saíron de recursos propios sen contar co Goberno galego, mais agora reclaman a San Caetano que “incremente o seu apoio a sectores coma o da hostalaría ou o pequeno comercio implantando bonificacións fiscais nos impostos de carácter autonómico que carga a estes sectores coma a o canon de tratamento de lixo de Sogama, o canon de augas ou o tramo autonómico de IRPF”.

De feito, lamentaron a “falta de respecto e lealdade institucional” da Xunta porque se anunciou o fondo de cooperación “sen pactalo previamente coas entidades locais, que xa teñen en marcha os seus propios plans para paliar os efectos económicos da pandemia”.

"Trilerismo político"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, foi máis alá ao considerar que o plan anunciado polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, amosa un “trilerismo político” por incluílas nas entidades que deben pór fondos. A problemática non é a axuda aos negocios, que si queren, senón que non se negociara con estas administracións nin se lles deixara opinar nin do fechamento nin doutras medidas.

Silva sostivo que Feixoo e o seu equipo “só reaccionan de maneira improvisada cando teñen á xente na rúa”. “Ao mesmo mundo local ao que desprezou durante todo un ano, ao que non quixo recibir, ao que non deu nin unha soa resposta ante os chamamentos de colaboración agora di que lles quere obrigar a colaborar”, afeou.

Dereito a decidir

Neste mesmo contexto, desde a Fegamp pediron ao Executivo do país que colabore “na procura de solucións” para a hostalaría. De feito, confesaron descoñecer “o motivo polo que divulga un plan que implica á administración local antes da súa negociación e deseño”.

A representación dos municipios, que sinala que xa leva tempo colaborando coas empresarias, puntualiza que son estas entidades as que teñen dereito a decidir sobre os seus actos. Mais, en calquera caso, destacan que “é a Xunta da Galiza a que dispón dos fondos extraordinarios habilitados por mor da pandemia” e que as axudas fornecidas até o de agora a nivel local eran dos orzamentos propios de cada localidade.

O exemplo de Alemaña

En medio deste clima de malestar de parte da representación política do país coa Xunta, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo tecer un proxecto como o de Alemaña, que fala de subvencións inmediatas para compensar até o 70% das perdas dos locais.

“O BNG apoia todas as medidas que se estimen precisas para frear a pandemia, porque a mellor forma de saír da crise económica é controlando o virus”, afirma Pontón. No entanto, “se o Goberno de Feixoo decreta o feche dun sector, que é o que na práctica está a pasar coas novas restricións, ese sector ten que recibir axudas directas inmediatas que compensen as perdas”.