A Deputación da Coruña convida a crear produtos turísticos "complementarios ao Xacobeo"

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña (Foto: Nós Diario).
O Goberno provincial habilita unha liña de axudas por valor de 900.000 euros para que as entidades de xestión do turismo presenten as súas propostas.

Galiza celebra o Ano Santo 2021-2022 nun contexto moi complexo por mor da pandemia. É por iso que a Deputación da Coruña presentou esta cuarta feira unha liña de axudas por valor de 900.000 euros para a presentación de proxectos turísticos que axuden a aliviar as perdas económicas ofrecendo destinos e propostas "alternativas".

"Vai ser necesario deseñar e crear novos produtos turísticos complementarios ao Xacobeo, en especial no ámbito do turismo urbano, que é o gran damnificado da pandemia e é o que xera máis beneficios", apuntou o vicepresidente da Deputación e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, quen animou a "traballar co obxectivo de que o turismo que chegue deixe un maior retorno económico no territorio".

O prazo para presentar proxectos e iniciativas ficará aberto até o vindeiro 5 de febreiro, e as entidades destinatarias poderán percibir unha contía máxima de 120.000 euros para desenvolver a súa proposta.

Entre outros criterios para a concesión das axudas atópanse o número de prazas de aloxamento en establecementos turísticos, a poboación residente no territorio ou a propia valoración dos proxectos presentados.

O Xacobeo, no Parlamento

Por outra banda, a comisión de Turismo da Cámara galega debatiu esta cuarta feira diferentes propostas vencelladas ao Ano Santo. A petición do grupo popular, as deputadas acordaron instar a Xunta a solicitar ao Goberno estatal o arranxo de "50 puntos negros" na rede de estradas que comprende o Camiño de Santiago, principalmente nas rutas de Inverno, do Norte, a Vía da Prata e o Camiño Francés. A proposta foi aprobada co apoio de PPdeG e BNG e o voto en contra do PSdeG.

Así mesmo, a directora de Turismo da Galiza, Nava Castro, anunciou na citada comisión que a Xunta xa traballa na "reformulación bienal" da programación do Xacobeo, sendo "consciente" de que a pandemia non permite unha programación "estábel", polo que nos primeiros meses de 2021 os actos serán de "formato pequeno".

Porén, a socialista Leticia Gallego acusou Castro de non dicir "nada" sobre a programación: "Estamos xa coa celebración e aínda non sabemos en que consiste", advertiu, lembrando que hai "máis de 100.000 empregos en perigo".