A Igrexa decide prolongar o Ano Santo a 2022

A Igrexa decretou onte a prolongación do Ano Santo 2021 durante todo o ano 2022 polas circunstancias excepcionais que rodean a súa celebración por mor da pandemia de Covid-19.

Acto de apertura da Porta Santa en Compostela (Imaxe: Arxina)
photo_camera Acto de apertura da Porta Santa en Compostela (Imaxe: Arxina)

O nuncio apostólico para o Estado español, Bernardito Auza, anunciou a prolongación do Ano Santo 2021 a 2022 ao concluír a eucaristía coa que finalizou a apertura da Porta Santa, xusto antes de que dese comezo o voo do botafumeiro na catedral de Compostela.

Auza tomou a palabra para dar lectura a un decreto da penitenciaría apostólica, datado a inicios deste mes de decembro, no que, tendo en conta as circunstancias que se viven pola pandemia da Covid-19, o Papa acorda prorrogar o Ano Santo durante todo o 2022.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, foi o primeiro en reaccionar ao anuncio e agradeceu a decisión, que cualificou como “unha opción por riba das expectativas” da Xunta e que augura, na súa opinión, un 2022 “excepcional”.

“O que tiñamos planeado para 2021 imos facelo en 2022”, avanzou Feixoo

“É unha noticia que non é boa, é boísima”, engadiu o presidente do Goberno galego, “Roma decatouse de que este Xacobeo ten que ser distinto”.

Máis unha vez, fiou a recuperación da economía galega ao turismo, “os galegos imos aproveitar para relanzar Galiza”. Afirmou que o primeiro semestre de 2021 será “máis intimista”, para os galegos, e poderase ir “abrindo” a medida que se vaian “xeneralizando as vacinas”.

“O que tiñamos planeado para 2021 imos facelo en 2022”, avanzou Feixoo, de maneira que se espera unha mudanza na planificación do programa que a Xunta impulsa con motivo do Xacobeo.

Comentarios