Prazos abertos até o 19 e mais o 25 de febreiro

A Deputación apoia a cultura con liñas de axuda de máis de 5 millóns

A área de Cultura da Deputación da Coruña fixo o anuncio, esta cuarta feira, de que vai destinar máis de cinco millóns de euros a apoiar a actividade cultural e mais a profesionalización do sector a través de 11 liñas de axuda en concorrencia competitiva
mostrateatro
photo_camera Imaxe de arquivo dunha representación teatral. (Foto: Nós Diario)

Os prazos de solicitude para concursar nestas subvencións da Deputación da Coruña están xa abertos até o vindeiro 19 de febreiro, en sete das liñas de apoio, que se completarán os próximos días con catro máis, ás que se poderá concorrer até o 25 de febreiro.

Antes de rematar este mes de xaneiro estarán abertas así todas as convocatorias coas que a área de Cultura apoia as actividades e os investimentos da cultura de base, a contratación de persoal para facer profesional o sector e proxectos de especial relevancia social no ámbito da cultura.

"Queremos avanzar nas convocatorias porque este ano é especialmente importante que as entidades podan prever os investimentos para adaptar as súas programacións ás especiais circunstancias que estamos a vivir", sinalou o deputado Xurxo Couto.

"As axudas da Deputación da Coruña son fundamentais para moitas entidades e a profesionalización é máis necesaria que nunca coa adaptación da actividade ás condicións sanitarias impostas pola Covid-19", engadiu.

As convocatorias abertas até o día 19, con axudas destinadas a entidades culturais para o desenvolvemento de actividades ou para a realización de investimentos contan cunha partida orzamentaria de 900.000 e 300.000, respectivamente.

 A través destas convocatorias concederanse axudas de até 30.000 euros para as entidades culturais e de até 10.000 para as actividades de entidades veciñais, socioeducativas e sociais ou asistenciais. 

As fundacións, museos, centros de interpretación ou bibliotecas poderán acceder a axudas de  de entre 1.500 e 30.000 euros.

Os concellos poden optar ás axudas para a contratación de persoal técnico para a área de Cultura, ao que a Deputación destina 770.000 euros, e suma 400.000 para a creación de emprego especializado en xestión cultural coa convocatoria destinada a museos e centros de interpretación que abrirá en días o prazo e que se prolongará até o vindeiro 25 de febreiro, ao igual que a convocatoria para festivais e proxectos singulares.

Comentarios