Igualdade

A Deputación da Coruña pon en marcha o proxecto 'Integra o Xénero'

Eva Garabal, María Muíño e Eva Ovenza (de esquerda a dereita) esta sexat feira na presentación so proxecto (Foto: Deputación da Coruña).
Un proceso colaborativo e participativo, no cal se involucrará o persoal da Deputación e dos concellos, que culminará coa elaboración de tres guías a comezos de 2023.

A deputada de Igualdade, María Muíño, acompañada das técnicas Eva Ovenza e Eva Garabal, presentou na mañá desta sexta feira o inicio do proxecto Integra o Xénero, que ten por obxectivo crear ferramentas para integrar a perspectiva de xénero e o principio de igualdade dun xeito transversal ás políticas públicas.

Trátase dun proceso colaborativo e participativo, no cal se involucrará o persoal da Deputación e dos concellos, que culminará coa elaboración de tres guías a comezos de 2023.

María Muíño definiu como “o gran reto das Administracións”, integrar a perspectiva de xénero de modo real e efectivo nas políticas públicas. Para logralo, desde o departamento de Igualdade da institución, segundo indicou a deputada “o proceso debe ser participativo e colaborativo para que o resultado permaneza e sexa compartido por todos e todas”.

Adiantou que neste proceso será de vital importancia a metodoloxía, xa que buscará dotar as traballadoras e traballadores das Adminsitración de técnicas para detectar as desigualdades na súa práctica profesional cotiá e ofrecer pautas para superar as eivas existentes.

“Trátase de detectar as necesidades e problemáticas con que se atopa o persoal no seu contexto de traballo específico á hora de incluír dunha forma transversal a igualdade e a perspectiva de xénero” explicou a deputada.

As novidades do proxecto

A novidade deste proxecto radica en que é a primeira vez na Galiza que se fai unha colección de guías con pautas e recomendacións para o cadro de persoal, e cada unha delas tratará diferentes campos: cultura, deporte, formación, presupostos, subvencións, plans de emprego e demais.

Outra das novidades é o enfoque participativo e adaptado ás necesidades reais tanto do persoal técnico como político das entidades locais e doas entidades asociativas que colaboren no proceso.