As mulleres poden quedar excluídas dos emprego do futuro: estas son as cifras da 'fenda dixital'

No sector das TIC as mulleres só ocupan un de cada tres postos de traballo, e 30% das empresas non teñen ningunha muller no cadro de persoal, segundo un informe do Consello Galego das Mulleres.
En 30% das empresas tecnolóxicas do país non hai ningunha muller (Foto: Kite Rin).
photo_camera En 30% das empresas tecnolóxicas do país non hai ningunha muller (Foto: Kite Rin).

A fenda de xénero no emprego do sector das TIC —tecnoloxías da información e a comunicación— alcanza case os 35 puntos; isto é, dos 24.393 postos de traballo que xeraron estas actividades en 2020, só 32,6% foron ocupados por mulleres, polo que "existe o risco de que as mulleres queden excluídas dos empregos do futuro, onde a tecnoloxía será fundamental". Estas son algunhas das conclusións recollidas no Informe As Mulleres e as TIC, elaborado polo Consello Galego das Mulleres.

O documento foi presentado esta cuarta feira ante o pleno do Consello, coa participación do secretario xeral técnico da Consellería de Emprego e Igualdade, José Ramón Pardo Cabarcos, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

A menor presenza laboral feminina por tipo de actividade, detallan, concéntrase na fabricación de compoñentes electrónicos (10,4%) e na fabricación de computadores (12,5%). Outro dos datos que preocupan é que 30% das empresas TIC que operan na Galiza non contan con ningunha muller no seu cadro de persoal e só en 14% dos casos existe presenza de mulleres nos equipos directivos.

O informe achega datos tamén a respecto da formación profesional e universitaria no país. Así, se 55,8% das matriculacións universitarias corresponderon en 2020 a mulleres, en titulacións máis técnicas "a súa presenza baixa". É o caso de informática, onde nin se alcanza 12%; ou nas enxeñarías, onde copan 28%. En formación profesional, 43% das matriculadas son mulleres, pero en informática e comunicación a porcentaxe baixa até 15%.

"Encamiñar as nenas" cara as TIC

Ante esta situación, a Xunta avoga por colaborar coas universidades, con entidades privadas e no seo da comunidade escolar, "para encamiñar ás nenas e mozas cara á formación TIC e para promover a iniciativa empresarial tecnolóxica, tamén no medio rural".

Con este obxectivo, o Goberno galego estabelecerá "mecanismos de colaboración" coas universidades e axentes de emprendemento para "achegar as estudantes ás carreiras técnicas". Nesta liña, defende a implicación transversal dos responsábeis da formación profesional, dos equipos de orientación dos centros escolares e dos departamentos centrados no ámbito rural para "mellorar e ampliar a representación feminina no sector e achegar as mulleres a iniciativas de base tecnolóxica".

Sinalan ademais que parte dos retos pasan pola sensibilización da sociedade na diminución da fenda dixital de xénero "con iniciativas específicas de divulgación e no reforzo da formación tecnolóxica para a vida cotiá". En relación a isto puxeron como exemplo o programa de capacitación de 10.000 mulleres de contornas rurais, cun investimento de máis de cinco millóns de euros.

Lei de igualdade

Na reunión tamén se abordaron os avances na tramitación do anteproxecto da Lei galega de Igualdade. O período de consulta pública previa finalizou a pasada segunda feira e agora continuarase coa tramitación do texto legal co que o Goberno galego "busca seguir avanzando na igualdade laboral, actualizar e unificar nunha mesma norma as actuacións e medidas para a loita contra a discriminación múltiple e os ataques sexistas, e referendar o compromiso co emprego feminino de calidade".

Comentarios