A maior responsabilidade, menos mulleres: a desigualdade paira sobre as empresas galegas

Segundo un informe que vén de presentar a Zona Franca de Vigo, as empresas galegas están "moi por baixo do límite que debería considerarse aceptábel" en materia de igualdade de oportunidades.
As mulleres só ocupan 18% dos cargos en consellos de administración por méritos propios (Foto: Mongkolchon).
photo_camera As mulleres só ocupan 18% dos cargos en consellos de administración por méritos propios (Foto: Mongkolchon).

A presenza das mulleres en empresas galegas vaise reducindo nos tramos de salarios máis elevados, segundo un estudo elaborado polo Servizo de Información Ardán da Zona Franca de Vigo sobre a igualdade de xénero nas entidades da Galiza, presentado esta terza feira.

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, sinalou que "as empresas que queiran ser competitivas non deben desperdiciar 50% do talento e das habilidades que achega a muller na estrutura e procesos dunha organización empresarial" , e engadiu que "a incorporación plena do talento feminino nas empresas mellora a creatividade nos equipos, impulsa a innovación, mellora a produtividade e a rendibilidade e tamén a reputación da empresa". Así, apuntou, "a repercusión estimada no PIB per cápita podería chegar até crecementos de 2 díxitos".

O informe anual sobre igualdade de xénero nas empresas, cunha metodoloxía deseñada baixo o marco de colaboración da Cátedra Ardán, analiza este ámbito baixo tres perspectivas: igualdade por funcións, igualdade por retribucións e igualdade por actuacións. O estudo compleméntase cunha análise das actuacións e medidas que están a adoptar as empresas en materia de igualdade.

Neste senso, obsérvase que no ano 2021 hai unha evolución no desenvolvemento e implantación de políticas igualitarias como a eliminación da fenda salarial, a igualdade de oportunidades no acceso a postos de responsabilidade, a prevención do acoso e a conciliación.

O informe valora que, a pesar de que aínda queda camiño por percorrer, "existe un compromiso e concienciación das empresas para potenciar a igualdade de xénero". Para que este compromiso sexa efectivo debe ter reflexo na realidade laboral, con accións para ofrecer dereitos, responsabilidades e oportunidades de traballo sen nesgo de xénero a todo o capital humano, "máis rico canto máis diverso sexa".

Indicador de Igualdade

O servizo de información Ardán visibiliza cada ano as empresas que teñen índices de igualdade altos, concedéndolles o Indicador de Igualdade de Xénero. Todas as empresas que obteñen o indicador presentan unha puntuación de máis de 800 puntos sobre 1.000, segundo a metodoloxía estabelecida para a avaliación do desempeño empresarial en materia de igualdade de xénero. O último informe reflicte que a media do país fica en 438 puntos, "moi por baixo do límite que debería considerarse aceptábel".

Por outra parte, o Consorcio da Zona Franca de Vigo realizou recentemente un estudo particular sobre a posición das mulleres nos consellos de administración das empresas da Galiza, e puxo en marcha varios 'Focus Group' co obxectivo principal de identificar as barreiras das mulleres para acceder a estes órganos de dirección.

As conclusións foron "moi reveladoras": só 25% dos cargos nos consellos de administración están ocupados por mulleres, e esta porcentaxe descende a 18% cando se analizan as conselleiras delegadas, é dicir, cando o posto non é por motivos de participación ou propiedade das compañías.

Comentarios